
A Concellería de Turismo do Concello de Quiroga está a promover a XLIII Feira do Viño de Quiroga a través dunha campaña de divulgación nas redes sociais, concretamente na súa conta de Instagram (@turismoquiroga). Esta iniciativa ten como obxectivo dar visibilidade ás bodegas participantes na feira e atraer a un público máis amplo e variado.
Para conseguir unha imaxe fresca e desenfadada, creouse un collage de cada unha das bodegas participantes na feira, o que permite mostrar a diversidade e a calidade dos viños da zona dunha maneira alegre e informal. Este collage, publicado nas historias e no feed (publicacións no perfil) de Instagram, busca captar a atención dos seguidores e fomentar a interacción con eles, o estilo de este collage parte do cartel oficial de esta edición da feira, facendo que cada adega teña o seu propio curso do viño.
Ademais, como parte desta campaña, estase a levar a cabo un sorteo de botellas de viño de adegas de Quiroga entre as persoas que sigan a conta de Instagram da Concellería de turismo e teñan en conta unha serie de requisitos para facer efectiva a súa participación.
Nos vindeiros días, a Concellería de Turismo tamén anunciará unha sorpresa especial para esta nova edición da Feira do Viño, polo que se recomenda seguir as súas redes sociais para non perder detalle.
A XLIII Feira do Viño de Quiroga promete ser unha das citas máis destacadas do calendario quirogués, e a campaña de promoción desenvolvida na rede social Instagram busca reforzar o vínculo entre os viños de Quiroga, a veciñanza e os seus consumidores, nunha celebración que mestura tradición, cultura e a mellor gastronomía da comarca.
XVI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas
Por outra banda, dentro do actos da Feira do viño de Quiroga, celebrarase na vila quiroguesa o XVI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas (1ª fase). Nesta ocasión o certame retoma o nome de Memorial Muíño, en lembranza da figura do artesán e investigador José María Alfonso García Muíño.
Na mañá de onte presentábase o certame no Parador de Monforte de Lemos, segundo os seus organizadores, un lugar vinculado á cultura no que naceron numerosos romances antigos.
José Luís Rivera, Alcalde de Quiroga, abría a presentación do que cualificaba como o único evento deste tipo que ten Galicia e que non se pode perder.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaba na presentación amosando a súa satisfacción por asociar o nome da Xunta de Galicia a este traballo continuo tan importante en prol da cultura galega.
O certame leva novamente o nome de Memorial Muíño e está adicado nesta ocasión ao gaiteiro do Bierzo, Hilario García, como un acto de recoñecemento tras o seu falecemento, como explicou na presentación Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e organizador do evento.

Precisamente a banda ponferradina será a única agrupación non galega que asistirá ao certame na presente edición. Estará acompañada no cartel por seis bandas ourensás, dúas da Coruña e catro de Lugo. As representantes da provincia serán as de Chantada, Val de Lemos, Falcatrueiros de Monterroso e Toxo Queimado de Baleira. Serán quince as bandas, máis de 400 gaiteiros, as que participen neste certame, chegadas dende distintos puntos de Galicia e incluso dende o Bierzo, como se destacou na presentación.
O certame desenvolverase o sábado día 19 de abril. Ás once e media da mañá comezarase co desfile das bandas participantes pola rúa Real, dende a Casa da Cultura ata a praza España, lugar onde se desenvolverá o certame que tamén se poderá seguir a través de streaming (XoseLoisFoxoLIVE)
Está previsto que as doce comece o certame que se abrirá coas bandas de 4º grao, onde están incluídas as Bandas de Gaitas dos Concellos de Castrelo de Miño e Riós, a banda Lembranzas do Tambre de Oroso e a Banda de Gaitas Fuentesnuevas de Ponferrada.
No terceiro grao participarán as Bandas de Gaitas da Escola Municipal de Xinzo de Limia, Tarde Piaches; a banda de Gaitas de San e San Pantaleón das Viñas (Ferrol) e Ladies Band (Ourense).
No segundo grao son catro as bandas de gaitas que concursan: a do Concello de Chantada, a do Val de Lemos, a de Xinzo de Limia e Falcatrueiros de Monterroso.
Finalmente no apartado de bandas de gaitas de primeiro grado participan as bandas de Agarimo de Catabois (Ferrol), a Real Xuvenil (Ourense) e Toxo Queimado de Baleira. A presentación remataba coa interpretación dunha muiñeira polo gaiteiro maior das Terras de Lemos, o quirogués Emilio Estévez.