ConcellosQuirogaÚltima hora

A conselleira de Política Social visita o Centro de Atención Temperá situado en Quiroga

 

Esta mañá a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitaba esta mañá a Unidade de Atención Temperá de Quiroga, que da servizo a oito concellos: Quiroga, Folgoso do Courel, Ribas de Sil, Bóveda, Sober, O Saviñao, Pantón e Pobra do Brollón. Estaba acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e do  Xefe Territorial de Política Social, Francisco Javier Vázquez Nodal.

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, falaba en nome dos concellos aos que da atención este servizo, cando dixo que agarda que “esta visita sirva para afianzar un servizo do que se senten orgullosos. Un servizo fundamental”, dixo, “que da calidade de vida e tranquilidade aos pais e nais e que se converteu nun referente para os nenos e nenas que precisan atención máis alá da educación regrada”.

A visita comezaba primeiramente nas instalacións do Centro de Día da Ribeira e continuaba pola segunda planta onde se atopa o centro de Atención Temperá. Fabiola García destacou que o Goberno galego fixo unha importante aposta durante os últimos anos por estes servizos de atención. Neste sentido, concretou que no ano 2009 existían dúas unidades na nosa Comunidade que daban atención a 15 concellos galegos, mentres que na actualidade son xa máis de 40 os centros que dan servizo a máis de 200 municipios.

A conselleira destacou que este centro con sede en Quiroga dando cobertura a oito concellos “é unha referencia non só na provincia de Lugo, se non en toda Galicia”. E quixo agradecer a concellos e a traballadores a “ilusión por continuar mellorando a calidade de vida dos veciños, sobre todo por esa ambición de continuar coidando ao que máis queremos, que son os pequenos de Galicia, porque todos queremos continuar vivindo nunha comunidade que é cada vez máis familia”.

A Unidade de Atención Temperá conta cun total de 81 usuarios de entre 3 e 6 anos de idade, sendo Quiroga o concello que aporta máis matricula con 30 usuarios; Saviñao 21; O Courel 8; Ribas de Sil 6; Sober 4; Bóveda 4; Pobra do Brollón 4 e Pantón 3. O servizo está tramitando novas acollidas porque conta cunha lista de espera nestes momentos de 10 persoas.

O servizo conta cun equipo multidisciplinar que ofrece os servizos de: Logopedia, Psicoloxía, Fisioterapia e Terapia ocupacional.   Centralizado en Quiroga, conta cunha delegación no concello do Saviñao, para facilitar a atención dos menores reducindo o desprazamento dos usuarios desta zona. Este servizo complementase co de Postemperá, servizo de nova creación, cunha matrícula de 15 usuarios dos que 6 son de Quiroga, a mesma matrícula de Escairón, 2 de Courel e un de Ribas de Sil, tendo nestes momentos lista de espera.

Artigos relacionados

Back to top button