ConcellosÚltima horaVilariño de Conso

A conselleira de Vivenda fai entrega das chaves de vivendas rehabilitadas en Vilariño de Conso

 

Ata Vilariño de Conso desprazábase ás 11h. deste vernes 21 de marzo a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue. Alí realizaba a entrega das chaves de dúas vivendas na antiga casa cuartel, renovada grazas ás achegas da Xunta destinadas a inmobles de titularidade municipal, cun investimento de 80.000€.

Ademais, supervisou as obras noutro inmoble, a antiga casa rectoral na zona de Sabuguido, que albergará 3 vivendas máis e que tamén recibiron un investimento de 150.000€ desta mesma liña de axudas.

Allegue agradeceu á alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, quen a acompañaba na visita, a súa colaboración co Goberno galego en aras de acadar máis vivenda pública na súa localidade e destacou a labor dos alcaldes de concellos rurais que grazas a unha boa xestión “acadan grandes resultados”.

A conselleira recordou que as axudas á rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugueiro social está aberta e os concellos poden solicitala ata o 3 de xuño. O orzamento para este programa ascende a 1.850.000€ ata 2026 e esténdense agora aos concellos que conten con menos de 30.000 habitantes, cando antes se limitaba aos de menos de 20.000.

Estas axudas autonómicas poden chegar ao 95% do orzamento das obras, ata os 50.000€ por vivenda rehabilitada, ata 55.000 no caso de que se atopen nun conxunto histórico ou nun ámbito da Ribeira Sacra ou dos Camiños de Santiago, como é o caso de Vilariño de Conso, e a 57.000 se a vivenda está nunha área Rexurbe.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button