En portadaÚltima hora

A Cova da Xabreira, entre as empresas galardoadas nos premios da CEO á excelencia empresarial

Comercio, sustentabilidade, exportación, empresa familiar, innovación e responsabilidade social foron as categorías premiadas

 

A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) reunía este mediodía a máis de 200 persoas no acto de entrega de premios a seis pemes ourensás nas categorías de innovación, sustentabilidade, comercio, empresa familiar, responsabilidade social e exportación, este último baixo a denominación de José Manuel Pérez Canle, anterior presidente da entidade en cuxa memoria foi instaurado este galardón.

Unha numerosa representación do tecido empresarial da provincia e galego, así como de distintas entidades, organismos e administracións, dábase cita neste recoñecemento, que tiña como escenario a Carballeira de Santa Cruz de Arrabaldo. No seu decurso, a presidenta da entidade anfitrioa, Marisol Nóvoa, resaltaba a cada vez máis necesaria unión empresarial e colaboración público-privada. Nóvoa destacou na súa intervención de benvida a importancia da resiliencia como piar do éxito empresarial afirmando que ‘hoxe celebramos os logros individuais das nosas empresas, pero tamén o poder da colaboración, que é o que nos permite transformar os desafíos en oportunidades’. Así mesmo, subliñou a fortaleza do tecido empresarial ourensán afirmando que ’a nosa diversidade é nosa maior fortaleza; xuntos temos máis capacidade de acción e máis garantías de superar os retos que enfrontamos’.

 

 

Celebrando o talento empresarial

O primeiro premio á empresa sostible recaeu en Bandepellet S.L., co que se recoñece a integración de compromiso ambiental, desenvolvemento social e beneficio económico na súa contorna, ademais da súa capacidade para demostrar que a sustentabilidade pode ser o piar dun crecemento equilibrado e responsable.

A Cooperativa Santa Mariña de Loureiro SCG, situada no Irixo, recibiu o premio á responsabilidade social empresarial, polo compromiso constante cos seus socios, as súas familias, e a comunidade na que está situada.

 

 

Como empresa innovadora foi destacada A Cova da Xabreira en Seadur (Larouco) pola súa capacidade para fusionar o legado da tradición vitivinícola con propostas innovadoras e visionarias. Era o presidente provincial, Luis Menor, quen facía entrega do recoñecemento. Menor quixo “suliñar a importancia simbólica deste acto, remarcando que sempre é especial enxalzar a audacia, a valentía, o talento, a innovación, a sostibilidade, a responsabilidade social e a calidade. Todas elas, condicións sine qua non do noso tecido empresarial nesta provincia”, agradecendo a todo o tecido empresarial “o gran labor que realiza cada día a prol do noso territorio, xerando emprego e riqueza na provincia, e fixando poboación”.

Ademais o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quixo facer un agradecemento expreso á CEO por valores como a súa visión estratéxica, o seu “afán por reforzar e facer provincia”, polo seu “empeño por mellorar as condicións do tecido empresarial ourensán”, recalcando a “firme alianza” da Deputación co sector.

Calzados Marfil recibiu o premio de comercio, pola súa capacidade de evolución e adaptación aos cambios neste sector, así como o compromiso co asociacionismo empresarial.

A firma Gómez e Crespo S.A. mereceu o recoñecemento á empresa familiar, por forxar unha traxectoria exemplar de máis de 50 anos combinando innovación e sustentabilidade, sen abandonar ese carácter familiar.

Para pechar a entrega, o premio José Manuel Pérez Canle á Exportación foi para Redegal S.A., compañía que logrou posicionarse nun sector competitivo a nivel mundial e destacar desde os seus inicios hai dúas décadas pola súa capacidade de internacionalización e expansión continua.

Durante o acto, interviña tamén o director Institucional de Abanca en Galicia, España Norte e Portugal, Lino Comesaña, quixo “recoñecer o alto nivel que atesouran as corporacións da provincia, con proxectos empresariais capaces de liderar o seu sector e de chegar a calquera recuncho do planeta”. Ao mesmo tempo reivindicaba o apoio desta entidade na provincia e puxo en valor “o papel das empresas como catalizadoras do progreso, que nos permiten avanzar como sociedade, xerar riqueza, afrontar retos máis ambiciosos, ver o mundo con outros ollos e, en definitiva, comprometernos co futuro”.

 

 

Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, pechou a entrega de premios coa súa intervención, felicitando ás empresas premiadas: ‘Estou aquí para celebrar a excelencia empresarial de toda Galicia e hoxe de Ourense en particular, así como para encomiar ou esforzo, dedicación e visión de todos vos que traballades a diario por prosperar, porque co voso traballo prospera cada un de vós e prospera toda Galicia”.

Este evento reafirmou o compromiso da CEO co fortalecemento do tecido empresarial, apostando pola dixitalización, a formación e a sustentabilidade como claves para afrontar os retos do futuro.

Back to top button