Continúa o proxecto MirArte, que promove dende hai anos Miranda Moda no Barco para amosar a obra de creadores valdeorreses. Unha iniciativa á que se suma agora a artista ruesa Carina Rodríguez, cuxa pintura xa pode verse no escaparate desta tenda barquense.
Trátase dunha pintora abstracta intuitiva, “cuxa obra enmárcase na corrente da abstracción lírica. O seu proceso creativo caracterízase por un diálogo íntimo co lenzo, onde a cor, a forma e o movemento son os protagonistas principais”, tal e como se sinala dende MirArte.
Ademais esta autora prioriza nas súas composicións “e expresión emocional sobre a representación figurativa, utilizando unha ampla gama de técnicas e materiais. Esta diversidade permítelle crear novas obras que convidan ao espectador a descubrir novos matices en cada observación”, sinalan dende o proxecto MirArte.
A súa singular e colorista obra poderá desfrutarse durante as vindeiras semanas no escaparate de Miranda Moda, situado na avenida Conde Fenosa, en pleno centro do Barco.
Fotos cedidas.