EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Monterrei inicia a campaña de vendima 2026 coa recollida das primeiras uvas

Cedida.

 

A Denominación de Orixe Monterrei inicia este luns, 17 de agosto, a campaña de vendima de 2026, dando comezo a un dos momentos máis importantes do calendario vitivinícola da comarca. A primeira adega en iniciar os traballos de recollida de uva será Castro de Lobarzán, situada na localidade de Vilaza, no municipio de Monterrei.

Con este comezo ponse en marcha unha campaña na que viticultores e adegas afrontarán durante as próximas semanas os labores de recolección e selección da uva destinada á elaboración dos viños amparados polo D.O. Monterrei.

“A vendima constitúe un momento clave para determinar a calidade e as características dos viños da próxima engada. Durante este período, o seguimento da maduración da uva e a elección do momento óptimo de recollida resultan fundamentais para preservar as calidades propias das variedades cultivadas no territorio amparado. As condicións climáticas rexistradas durante este ciclo fenolóxico, marcadas polas altas temperaturas, a escaseza de precipitacións e unha notable oscilación térmica entre o día e a noite, favoreceron unha maduración óptima da uva, dando como resultado un magnífico equilibrio entre o grao alcohólico e a acidez”, aseguran dende o CRDO Monterrei.

A colleita de 2026 presenta, ademais, “un excelente estado fitosanitario. O menor tamaño das uvas supón unha maior relación entre a superficie da pel e o volume de mosto, o que favorece unha maior concentración de compostos aromáticos e polifenoles, en consecuencia, a obtención de viños de gran intensidade, estrutura e expresividade”, engade este órgano reitor.

Back to top button