
A D.O. Ribeira Sacra vén de notificar, mediante carta ou correo electrónico, a posibilidade de que todos os viticultores que se atopen rexistrados e en activo no Consello Regulador poden solicitar, ata o día 30 de xaneiro, as axudas para a conservación da paisaxe, que convocou a Consellería do Medio Rural a través do Agader
Os viticultores que sexan persoas xurídicas ou autónomos deberán, obrigatoriamente, tramitalo electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia mediante o procedemento MR451B. Os viticultores que sexan persoas físicas poden facelo, tanto de maneira telemática, mediante o mesmo procedemento, ou de forma presencial. Para os que desexen facelo de forma presencial o Consello regulador pode cubrirlles a citada solicitude e mandarlla cuberta ao seu domicilio, ou poden recollela cuberta na sede do Consello Regulador. Os interesados en que o Consello Regulador lles cubra a solicitude deberán chamar ao teléfono do Consello Regulador 982 410 968. Posteriormente esta solicitude debe ser presentada en Extensión Agraria ou nalgún Portelo Único de calquera concello, tal e como indica o consello regulador.
Esta subvención poderán solicitala tanto os viticultores que venden uvas como os que non as venden. Destacamos a sinxeleza do procedemento xa que practicamente o único que se pide son os datos persoais e o número de conta bancaria.
O importe da axuda é de 1.000 ou 2.000 euros por hectárea dependendo se é, chairo ou bancal mecanizable, ou se é, bancal tradicional de pedra non mecanizable.
Así mesmo dende a D.O. Ribeira Sacra informouse, aos viticultores, da comunicación por parte do pleno do Consello Regulador á Xunta de Galicia do interese da DO Ribeira Sacra da activación da colleita en verde e solicitóuselles aos viticultores que nos comuniques o seu posible interese nesta medida, para poder cuantificar da maneira máis precisa as necesidades financeiras desta axuda. De maneira paralela o Consello Regulador poñerase en contacto telefónico con todos os viticultores que non tiveron contrato no ano 2024 pero se no 2023 para sondar neste colectivo o seu interese pola medida de colleita en verde.
Por último, comunicóuselles aos viticultores da aprobación do pleno do Consello Regulador da limitación de novas plantacións e da solicitude de modificación de Prego en canto a rendementos máximos por hectárea para as variedades tintas pasando de 9500 kg/h a 7500kg/h.