EconomíaEconomíaÚltima horaVídeosViticultura

A D.O. Ribeiro entrega os seus premios nunha gala con 350 persoas no Auditorio de Ourense

Os viños Eduardo Peña, Ramón do Casar Treixadura, Priorato de Razamonde 2019 e Tinalla 2020 foron os gañadores da Cata Oficial, designados a cegas por un panel de expertos catadores entre 60 viños participantes de 40 adegas distintas

Publicidade

 

A D.O. Ribeiro vestíase de gala na tardiña do 25 de novembro para entregar a décima edición dos seus premios. Ao redor de 350 persoas (entre autoridades, premiados, viticultores, adegueiros e colleiteiros) reuníanse a partir das 19h. no Auditorio de Ourense para asistir á entrega destes galardóns, nunha gala conducida polo actor Federico Pérez e a xornalista Montse Estévez, coa que o C. R.D.O. Ribeiro volveu á presencialidade, apostando por “seguir camiñando e facendo camiño” e reivindicando a súa “bagaxe de historia e patrimonio” á que se suma “a forza que dá a unión”.

Un dos momentos máis esperados da gala era o anuncio dos mellores viños brancos e tintos, de adega e de colleiteiro, pertencentes á D.O. Ribeiro. Estes viños, distinguidos na cata oficial, foron elixidos nunha cata a cegas celebrada nas instalacións do Balneario de Laias por un xurado de expertos catadores composto por Alejandro Quella, Antonio Santamaría, Luís Paadín, Maira Rato, María Ferreiro, Maribel Gómez, Martín Ferreiro e Pablo Ibáñez.

Tinalla 2020, de Javier Estévez Abeledo, resultou elixido como Mellor Viño Tinto Colleiteiro; Eduardo Peña, de Eduardo Rodríguez e Luz Cánovas recibiu o galardón de Mellor Viño Branco Colleiteiro; no viño Priorato de Razamonde 2019, de Priorato de Razamonde recaeu a distinción Mellor Viño Tinto de Adega; e Ramón do Casar Treixadura, de Ramón do Casar, foi distinguido como Mellor Viño Branco de Adega.

Uns premios que tal e como lembrou Juan Casares, o presidente do C.R.D.O. Ribeiro pretenden “recoñecer o labor das persoas, entidades e lugares que fan da difusión do mundo do viño o seu sinal de identidade”, e que nesta ocasión foron para Manuel Villanueva, director xeral de contidos de Mediaset España, recoñecido co Premio Persoeiro de Honra polo seu labor de divulgación da cultura vitivinícola; a enóloga Almudena Alberca, primeira muller Master of Wine española e directora técnica de Entrecanales Domecq e Hijos, que recibiu o Premio Muller e Viño, polo papel que representa no mundo profesional do viño, e Xulia Bande, Premio Vida entre Vides, unha emprendedora do mundo rural e unha colleiteira de éxito.

 

Os presentadores da gala.

 

Outros premiados foron o xornal dixital Campo Galego, que recibiu o Premio como Mellor Labor de Comunicación, que recolleu Beatriz González en representación do xornal, e a película Cuñados, distinguida co Premio Ribeiro en Nós, polo seu labor de promoción do sector adegueiro en xeral e do Ribeiro en particular, e que recolleu Alfonso López, xefe de Desenvolvemento de Negocios e producións da produtora Portocabo.

Ademais, nesta edición os premios Mellor servizo de viño en restaurante foron para A Taberna (Ourense); o de Mellor tenda especializada– vinoteca para La Vivariense (Viveiro) e o de Mellor taberna–bar de viños para Jaleo (A Coruña).

A gala, que contou coa música en directo de Carolina Rubirosa e a intervención artística de Marcos Atípico, realizando un mural en vivo, arrincou este ano coa lectura dun Manifesto contra a Violencia de Xénero, coa que a Denominación de Orixe Ribeiro quixo deixar patente o seu “rexeitamento sen paliativos á violencia de xénero”, e no que avogou por que as mulleres poidan cambiar o medo “pola liberdade e a esperanza”.

Tras o anuncio da convocatoria de eleccións aos Consellos Reguladores, o presidente da D.O. Ribeiro, Juan Casares, aproveitou a súa intervención para facer balance do seu paso pola entidade, onde chegou fai catro anos atopándose cunha situación “moi difícil a nivel económico e social”, confesando o seu orgullo por ser capaces de “reverter a situación”, conseguindo a acreditación oficial pola ENAC, erixir unha sede á altura da marca, sacar adiante a estratexia de Enomarca, actualizar o rexistro vitícola ou mellorar o prezo da uva, ademais de investir “na promoción da historia do Consello Regulador e dar visibilidade á Ruta do Viño”, poñendo en valor “unha historia, un patrimonio e un territorio rico en recursos”.

 

 

Ademais de agradecer a quen lle acompañou e creu nel, Casares mostrouse orgulloso de poder presentar “un novo Ribeiro”, que ten como referencias “produto, territorio e ás persoas”, e reivindicou “defender a nosa idiosincrasia desde o realismo que nos pide o mercado”, avogando por “unha entidade libre e independente nas nosas decisións”, antes de dirixir unhas cariñosas palabras aos premiados e aos presentes.

Finalmente, o conselleiro do Medio Rural, José González, destacou que a “Xunta busca consolidar Galicia como destino enoturístico de referencia en viños de calidade”, poñendo en marcha unha Estratexia de dinamización económica territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, incidindo no reforzo do desenvolvemento sostible deste sector productivo e das súas zonas de produción e consolidar a imaxen dos viños galegos de calidade.

O titular de Medio Rural calificou ó sector “clave para a economía” , sendo “un dos eidos produtivos máis internacionais que xera un valor económico que supera os 230 millóns de euros, grazas aos máis de 10.000 viticultores e case 500 adegas”.

Entre as autoridades asistentes atopábanse o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén Castro; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a directora de Profesionalización de Turismo de Galicia, Marta Fernández Vázquez; o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos Corral; o teniente alcalde do Concello de Ourense e responsable de Cooperacion Institucional, Armando Ojea Bouzo; o director territorial de Abanca, Ruben Saavedra Pedreira; o xerente do Consello Regulador, Luis Vázquez, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, encargados de facer entrega dos distintos galardóns.

Clausura da Semana da D.O. Ribeiro en Ourense

Con motivo do décimo aniversario da celebración dos Premios D.O. Ribeiro, o Consello Regulador puxo en marcha un completo programa de actividades, que finalizará mañá venres, coa presentación dos catro viños gañadores dos Premios (os dous brancos e os dous tintos, de adega e de colleiteiro), harmonizados cunha esmerada selección de diferentes elaboracións de cociña asiática, que se gozarán con música en vivo, nun evento que reunirá a influencers e medios de comunicación especializados.

Fotos galería: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button