EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Ribeiro, no “Galicia 2025 Report” da catadora Beth Willard

A clasificación dos 100 mellores destaca 39 viños desta Denominación de Orixe

 

A experta internacional en viños, Beth Willard, visitaba a D.O. Ribeiro en novembro do ano pasado, en calidade de representante do Master of Wine Tim Atkin, para preparar un informe detallado, que se vén de publicar, con puntuacións sobre os viños de Galicia no marco dos Special Reports, publicacións periódicas que emiten sobre as distintas denominacións de orixe.

Un total de 39 referencias pertencentes á Denominación de Orixe Ribeiro, 31 viños brancos, sete tintos e un tostado, posiciónanse na selección dos 100 mellores viños de Galicia para a recoñecida catadora. Ademais, no podio outorga á D.Ou. Ribeiro os galardóns nas seguintes categorías:

  • Bodegueiro do ano: Xosé Lois Sebio, D.O. Ribeiro.
  • Viticultora do ano: Xulia Bande, D.O. Ribeiro.
  • Cooperativa do ano: Viña Costeira, D.O. Ribeiro
  • Viños brancos do ano (2/3): Son de Arrieiro Añadas Selección S/C, de Xulia Bande y As Viñas 2022, de Xosé Lois Sebio.
  • Viño branco mellor relación calidade-prezo do ano: Finca Teira 2023, de Adega Manuel Formigo, D.O. Ribeiro.
  • Viño branco revelación do ano: Tino 2023 de Adega Manuel Formigo, D.O. Ribeiro.
  • Viño tinto revelación do ano: Big Bang Caiño Longo 2023, de Pablo Vidal, D.O. Ribeiro.
  • Viño doce revelación do ano: Celme Tostado 2019, de Adegas Celme, D.O. Ribeiro.

 

Durante o seu percorrido pola Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, Beth coñeceu de primeira man 24 adegas e proxectos vitivinícolas, probando viños brancos, tintos, de elaboracións especiais, como barrica ou lías, monovarietais de Treixadura, Godello, Torrontés, Albariño, Caíño Longo, Sousón… ou coupages resultado de mestura de variedades de uva autóctonas, de diferentes colleitas que foron desde unha antiga 2012 ata a 2023, apreciando así a evolución no tempo dos viños, o que se ve reflectido nos viños que destacan no informe.

Beth Willard, ademais de colaborar con Tim Atkin MW, leva ligada a España desde hai máis de 15 anos, primeiro como compradora especializada e actualmente como xornalista e crítica de viños. Ademais, é copresidenta do concurso de viños de Reino Unido Decanter World Wine Awards, escritora na revista Decanter, e regularmente realiza presentacións e catas de viños españois.

Back to top button