
A próxima semana a Spanish Wine RoadShow celebrará a súa 6ª edición na que novamente, o C.R.D.O. Ribeiro participará nesta xira por EEUU representando a un bo número de adegas adheridas a esta denominación de orixe, a máis antiga de Galicia e unha das máis antigas de España.
Concha Iglesias, presidenta do C.R.D.O. Ribeiro, asegura que o obxectivo principal desta acción promocional é o de “apoiar ás nosas adegas no labor de fidelizar ou de introducir as súas marcas nun mercado tan importante como o estadounidense” e esta xira permitiranos “dar a coñecer a excelencia dos viños da D.O. Ribeiro en cinco estados distintos de EE.UU. Consideramos que é unha actividade que mostra a gran aposta do Consello Regulador, na que traballamos ano a ano tanto en accións de desenvolvemento de negocio no mercado nacional como no internacional”.
Os viños dun total de 13 produtores da D.O. Ribeiro presentaranse nos cinco eventos chegando por centos de compradores norteamericanos. As referencias vinícolas de Alanís, A Vilerma, Campante, Casal do Canteiro, Coto de Gomariz, Loeda, Pablo Vidal, Pazo Casanova, Ramón do Casar, Siah, Terras do Castelo, Viña Costeira e Viños de Encostas mostraranse nas cinco paradas que inclúe a xira por Estados Unidos.

A finais de mes, a D.O. Ribeiro contará así cunha presenza moi especial na Spanish Wine RoadShow, promocionando os seus viños brancos, algúns monovarietais da variedade autóctona Treixadura e outros froito de coupages de Treixadura con outras uvas como Albariño, Godello, Loureira, Lado…
Desde a organización do evento, a consultora Giménez & Sigwald Wine Associates, aseguran que “nos agrada que a D.O. Ribeiro repita nunha nova edición da xira por Estados Unidos” e engade que “ deste xeito tanto as adegas de maior tamaño como as máis pequenas teñen acceso ao mercado estadounidense e ese é un dos nosos principais obxectivos”.
Giménez & Sigwald é unha consultora especializada en internacionalización de viños españois que organiza a xira Spanish Wine RoadShow, iniciativa privada de difusión e promoción do viño español en Estados Unidos. A próxima edición da xira comercial Spanish Wine RoadShow celebrarase do 22 ao 28 de xaneiro de 2025 nas cidades de Charlotte, Atlanta, Nashville, New Orleans e Miami.