
A D.O. Valdeorras vén de iniciar neste 13 de agosto vendima máis temperá da que se ten constancia, adiantando varios días o comezo da recollida respecto de calquera campaña anterior. A primeira adega en poñerse mans á obra volve ser, ao igual que o ano pasado, Adega Valdesil, en Portela de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras). A recollida comeza nas súas parcelas de Godello, variedade que abre a campaña, ao mesmo tempo que Bodega Rafael Palacios, que tamén inicia os traballos nos seus viñedos de Godello situados na Rúa.
Para Raúl Prada, propietario de Adega Valdesil, a vendima deste ano preséntase en condicións óptimas, cunha planta “moi equilibrada” e unhas expectativas especialmente positivas. “Creo que estamos ante unha anada verdadeiramente excepcional”, asegura.
Prada destaca que o adianto do ciclo vexetativo non terá un impacto negativo sobre a calidade da uva. “O feito de que o ciclo sexa un pouco máis curto non vai influír nesa calidade, porque tivemos unha cantidade moi importante de auga durante todo o inverno e boa parte da primavera, e sol cando tiña que vir”, explica.
A isto súmase, segundo sinala, un desenvolvemento adecuado das distintas fases do ciclo da vide: “A floración produciuse no momento idóneo”, apunta, convencido de que as condicións rexistradas ata o de agora permiten afrontar a vendima cunhas perspectivas “realmente excepcionais”.
Deste xeito, Valdeorras volve adiantar o inicio da súa vendima respecto do ano anterior, cando a campaña comezou o 21 de agosto. O adianto de oito días responde fundamentalmente á evolución da maduración da uva, que permitiu que as primeiras parcelas acaden xa os parámetros adecuados para comezar a recollida.

O director técnico da D.O. Valdeorras, Jorge Mazaira, explica que a decisión responde á propia evolución da planta e ás condicións climatolóxicas rexistradas durante o ciclo vexetativo. “A que manda é a planta. Está en condicións óptimas e a colleita presenta moita saúde”, sinala, destacando que as condicións desta campaña permiten afrontar o inicio dos traballos con boas perspectivas.
Boa dispoñibilidade de auga durante o inverno
Entre os factores que favoreceron este adianto atópase a boa dispoñibilidade de auga acumulada durante o inverno e, especialmente, durante os primeiros meses da primavera. As precipitacións rexistradas a finais do inverno e comezos da primavera permitiron xerar unhas importantes reservas hídricas no solo, favorecendo que as plantas afrontasen o ciclo sen sufrir un estrés hídrico significativo.
Esta dispoñibilidade de auga contribuíu a manter un proceso de maduración constante e regular, que permitiu ás primeiras parcelas alcanzar antes o momento óptimo de recollida. As chuvias rexistradas durante o último mes tamén contribuíron a manter unhas boas condicións nos viñedos.
A pesar de que as temperaturas elevadas poden considerarse un factor de risco en determinados momentos do ciclo, desde o equipo técnico do Consello Regulador sinálase que o adianto da vendima responde a un conxunto de circunstancias e, especialmente, á evolución da propia planta.
“O adianto das datas de vendima é cada vez máis habitual. Temos que adaptarnos á situación e entender que a que manda é a planta”, explica Mazaira, quen considera que comezar a vendimar a mediados de agosto está deixando de ser unha circunstancia completamente excepcional.
Neste senso, o director técnico apunta a unha tendencia que se vén observando durante os últimos anos: “Temos que comezar a pensar que o inusual vai ser iniciar a vendima en setembro”. Unha evolución que obriga o sector a adaptar progresivamente a súa planificación a unhas condicións de maduración diferentes das que tradicionalmente marcaran o calendario vitivinícola.

Boas perspectivas para “unha colleita de calidade”
O estado actual dos viñedos permite afrontar o inicio da campaña con boas expectativas tanto en calidade como en produción. As estimacións do Consello Regulador sitúan a colleita arredor dos 8,5 millóns de quilos de uva, aínda que a cifra definitiva dependerá da evolución das próximas semanas e do desenvolvemento dos traballos de recollida.
A campaña prolongarase aproximadamente durante mes e medio, aínda que a entrada das distintas parcelas nas adegas producirase de forma escalonada. Durante os próximos días iranse incorporando progresivamente novos viñedos á recollida a medida que as diferentes variedades acaden os seus parámetros óptimos de maduración.
A prioridade nesta primeira fase será manter un seguimento constante do estado sanitario dos viñedos e dos parámetros de maduración, de maneira que cada parcela poida ser vendimada no momento en que presente as condicións máis adecuadas.
“Esta campaña, ademais, quedará marcada para a historia da denominación de orixe. Nunca antes Valdeorras comezara a vendimar tan cedo. O 13 de agosto de 2026 convértese así nunha data histórica coa que se inicia unha nova vendima, con perspectivas de boa produción, excelente estado sanitario da uva e elevada calidade”, segundo o consello regulador.
Fotos cedidas.