EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Valdeorras amosa en Madrid a súa aposta polos viños de calidade con 25 referencias no Salón Gourmets

Este foro, que se celebra no IFEMA entre o 13 e o 16 de abril, eríxese como un dos escaparates anuais máis relevantes de alimentos e bebidas de alta gama en Europa

 

O Salón Gourmets 2026, que se celebra a vindeira semana en Madrid, permitirá ao público profesional especializado degustar ata 25 referencias vinícolas diferentes (17 brancas e oito tintas) procedentes de 18 adegas da Denominación de Orixe Valdeorras. Este organismo acode un ano máis a este salón especializado no marco da axenda promocional que está a desenvolver este ano en distintos puntos de España e do estranxeiro.

Neste salón, orientado principalmente a profesionais da canle HORECA; distribuidores, importadores e exportadores; sumilleres, chefs e prescritores; empresas e axentes do sector agroalimentario e prensa especializada acreditada, a D.O. Valdeorras disporá dun túnel do viño propio no que se darán a coñecer as diferentes referencias das adegas participantes, favorecendo así a súa visibilidade e a interacción cos profesionais asistentes.

“A presenza neste tipo de formatos especializados permite poñer en valor a diversidade e a calidade dos nosos viños nunha contorna de alto nivel profesional, en contacto directo cun público clave do mercado”, asegura o presidente do Consello Regulador, Marcos Prada.

O mercado de Madrid, fundamental

A D.O. Valdeorras estará representada neste foro polo seu director técnico, Jorge Mazaira, quen apunta que “o Salón Gourmets é un evento moi interesante para o noso Consello Regulador, xa que o mercado de Madrid, onde se celebra, é fundamental para nós”.

Así mesmo engade que se trata “dunha zona na que estamos moi presentes e na que queremos seguir medrando e, para logralo, é imprescindible ter presenza propia nos principais eventos de promoción do sector da alimentación e bebidas que se celebran na capital, como Gourmets”.

Os viños de Valdeorras en diferentes foros

A participación no Salón Gourmets non é a única acción promocional que desenvolve o Consello Regulador neste 2026. Os viños da comarca xa estiveron presentes en citas como a Barcelona Wine Week, que tivo lugar a comezos do pasado mes de febreiro.

Diferentes referencias valdeorresas tamén se puxeron en valor no marco da Experiencia Verema Valencia e da Experiencia Verema Madrid, dúas accións promocionais celebradas no primeiro trimestre deste ano. No ámbito internacional, a D.O. Valdeorras participou en Prowein, salón que se desenvolveu na cidade alemá de Düsseldorf entre os días 15 e 17 de marzo.

Nos vindeiros meses, o Consello Regulador continuará coa súa acción promocional en eventos como a Experiencia Verema Málaga, onde se organizarán catas comentadas e presentacións da denominación de orixe a representantes de distintos ámbitos profesionais especializados, así como na Experiencia Verema Sevilla.

Xunto a isto, os viños valdeorreses viaxarán aos Países Baixos cara ao final do ano no marco dunha actividade promocional conxunta co resto dos viños amparados por selos de calidade de Galicia.

O Salón Gourmets

O Salón Gourmets, que se celebra no recinto feiral do IFEMA entre o 13 e o 16 de abril, eríxese como un dos escaparates anuais máis relevantes de alimentos e bebidas de alta gama en Europa. Neste sentido, vai máis alá dunha simple exposición comercial: trátase dun espazo de encontro no que conflúen a tradición gastronómica e as tendencias máis innovadoras do sector, favorecendo o intercambio entre produtores, distribuidores e profesionais.

Así, segundo destaca a organización, cada produto presentado reflicte un compromiso coa calidade e unha evolución constante do gusto, configurando un escenario no que a gastronomía non só se amosa, senón que tamén se analiza, se debate e se proxecta cara ao futuro como un elemento cultural e económico de gran relevancia.

Na súa 39ª edición, o foro reunirá arredor de 2.000 expositores procedentes de 90 países nunha superficie aproximada de 72.000 m². Neste contexto, o Salón Gourmets non só permitirá descubrir produtos, senón tamén establecer relacións comerciais e fomentar o networking.

Back to top button