EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

A D.O. Valdeorras aposta pola excelencia e convértese en partner da WSET

A denominación desenvolvía esta mañá unha mesa redonda en Ourense sobre o futuro do viño, a formación e a excelencia

 

Cun acto na cidade de Ourense a Denominación de Orixe Valdeorras vén de anunciar que se converte en partner da WSET (Wine & Spirit Education Trust), unha prestixiosa escola internacional de viños. O evento, baixo o título “A aposta de Valdeorras pola excelencia” e co lema “O valor do pequeno”, comezaba ás 11h. deste 25 de marzo no Liceo de Ourense da man do presidente do CRDO Valdeorras.

“Este evento é para presentar a nova promoción que imos facer este ano e tamén a colaboración como membro de WSET do mundo, somos a primeira D.O. que somos partner desta prestixiosa escola de viños e estamos moi orgullosos de poder colaborar con eles e realizar moitas cousas con eles, pola excelencia dos viños de Valdeorras e o coñecemento da nosa terra”, sinalaba o presidente da D.O. Valdeorras, Marcos Prada.

 

 

Deseguido, comentaba que este é un ano moi especial para a D.O. Valdeorras, xa que cumpre 80 anos, “8 décadas nas que temos defendido a calidade dos nosos viños, preservado as nosas variedades autóctonas e proxectado a nosa identidade nos mercados. Valdeorras é moito máis que unha D.O., é historia, territorio, é o resultado dun saber facer transmitido de xeración en xeración. Os nosos viños levan consigo o legado dos viticultores que coidan a terra con esmero, preservando técnicas e procedementos únicos e propios”, comentaba Prada. E incidía ademais en que “cada pequena parte do seu proceso suma un valor incalculable, o valor do pequeno, que é unha realidade que define os nosos viños”.

Así mesmo, o presidente da D.O. Valdeorras poñía en valor a diversidade de solos e altitudes deste territorio, a súa singular climatoloxía e as variedades autóctonas como o godello, da que Valdeorras éo seu berce.

No acto tamén interviñan outras autoridades como o presidente do Inorde, Rosendo Luis Fernández, para quen “a nosa obriga é apoiar ao mundo do viño porque é un magnífico promotor do territorio” e desta forma estaremos “creando riqueza”. Coa frase “a única forma de beber sen ter sede é cos viños da D.O. Valdeorras” quixo facer unha chiscadela especial á comarca.

Pola súa banda, o tenente de alcalde do Concello de Ourense, Aníbal Pereira Novoa, aludía á “obriga que temos as institucións de estar apoiando os viños da provincia” porque, dixo, “nos poñedes na élite internacional”. Tamén quixo remarcar o acerto “de apostar pola formación, que é clave”, e que será “unha experiencia positiva” na que Ourense “estará á vosa disposición”.

Pechou as intervencións institucionais o director de Agacal, Martín Alemparte, quen afirmou que “en Galicia, o viño, máis que unha actividade económica, é unha identidade”, un “legado que debemos manter no tempo”. Para iso, insistiu na importancia de “formar aos profesionais de cada eslabón da cadea de viño” para que adquiran “unha linguaxe común nun contexto internacional”.

 

 

Mesa redonda

Deseguido, presentaba aos participantes na mesa redonda “O futuro do viño pasa pola formación e a excelencia”, moderada polo xornalista enogastronómico Enrique Calduch e coa participación de David Martín (APP Development Manager-EMEA de WSET), Shua Ibáñez (sumiller do Restaurante Arzak, con 3 Estrelas Michelín), María Federica Salvador (sumiller do Restaurante A Tafona, 1 Estrela Michelín) e Jorge Mazaira, director técnico do CRDO Valdeorras.

Ademais participaba no acto por videoconferencia a CEO de WSET, Michelle Brampton, quen aseguraba estar “desexando traballar con vostedes nos vindeiros meses e anos, para explorar oportunidades” e agradeceu á D.O. Valdeorras a súa “colaboración e compromiso co avance da educación en materia de bebidas”. Destacou Brampton o “entusiasmo” co que abordan esta nova “asociación” e “as oportunidades que traerá consigo”.

 

 

O director técnico da D.O. Valdeorras, Jorge Mazaira, quixo resaltar de Valdeorras “o valor do pequeno”, lema do evento, en referencia “á multitude de factores que fan único o noso viño”, e ao “traballo dos viticultores e adegueiros que buscan a excelencia”. A alianza ca WSET a considera Mazaira como “unha oportunidade histórica para divulgar eso que sabemos que nos fai únicos”.

Nesa liña, David Martín, CEO de WSET, explicou que para levar a Valdeorras a un nivel máis internacional, o feito de ser “a primeira D.O. que se convirte en socio patrocinador da nosa organización é moi importante”, porque desta forma amosarase “o traballo que desde fai anos se está levando a cabo”. Subliñou ademais que “a formación que ofrece WSET permite aos profesionais do sector ser capaces de ofrecer unha infomación máis completa do seus produtos”.

Na súa quenda de palabra, Shua Ibáñez, sumiller do Restaurante Arzak, salientou á formación como “unha pedra angular para calqueira persoa que queira exercer como sumiller”, porque na actualidade a xente “está cada vez máis formada” e ter “unhas bases craras sobre as zonas vitivinícolas é algo fundamental”. Asegurou que “os clientes veñen sempre coas expectativas moi altas, e debemos estar á altura”.

No acto celebrado esta mañá na sede do Liceo de Ourense, estiveron presentes, ademais dos alcaldes dos concellos de Valdeorras e demais autoridades políticas, representantes do sector, profesionais do mundo do viño, sumilleres, as adegas, viticultores e viticultoras, xornalistas, e persoas vinculadas á cultura e promoción do viño.

Degustación de viños valdeorreses e petiscos

Como broche do acto tiña lugar unha degustación de tres godellos e un mencía acompañado dunha serie de petiscos. Comezaba cunha ensalada de bacallau e cuscús, xunto a un godello de ladeiras con solos de transición (arxila e lousa), seguía unha empanada de zorza con fariña de trigo caaveiro maridada cun godello de ladeira con dominio de lousa, despois un arroz meloso de boletus e tenreira galega, acompañado doutro godello de bombas onde dominan os terreoa aluviais (areosos-arxilosos).

 

 

Ademais servíase un Royal de vaca madurada con escuma de colifror, xunto a un mencía e, finalmente, un doce, un biscoito con crema inglesa e améndoas.

 

 

 

Visita a Valdeorras

Na véspera deste evento, varios convidados participaron nunha comida en Valdeorras na que foron protagonistas os produtos da zona, ademais dos viños da comarca.

Tras o xantar, realizaron varias visitas a viñedos e adegas en O Bolo, Petín e Larouco, e unha cata de viños, dirixida polo director técnico da D.O., Jorge Mazaira, en A Rectoral de Seadur. A velada rematou cunha cena nunha cova, na que se mesturaba a cociña tradicional galega cos viños valdeorreses.

Segundo explicou Jorge Vila, director da Galicia Wine Academy, e un dos que participaron no percorrido trazado pola D.O. Valdeorras, onte “repasamos as esencias de Valdeorras, onde as viñas reflexan a súa personalidade, a súa identidade, e onde os viños son de primeiro nivel mundial”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button