A D.O. Valdeorras regresa da Experiencia Verema Valencia tras dous intensos días de traballo que deixan “un balance moi positivo desta misión promocional, en palabras de Marcos Prada, presidente do seu Consello Regulado. Esta mostra “deunos a oportunidade de fidelizar aos que nos coñecen e ampliar a súa información aos que non”, engade.
Conta tamén que durante os dous días de feira “houbo moita afluencia de xente, desde ás 11:00 ata ás 20:30 horas”, con visitas “de profesionais do sector, sumilleres, restauradores e algún distribuidor, moitos dos cuais xa traballaban cos nosos viños e aproveitaron a ocasión para ampliar o coñecemento sobre a nosa D.O.”
Ademais, a D.O. Valdeorras recollía na tarde deste martes o Premio ao Mellor Consello Regulador de 2025, recentemente concedido por Verema, un “recoñecemento ao gran traballo de viticultores, enólogos e adegueiros que pertencen á Denominación de Orixe”.
Cata de Viños Tintos Senlleiros
Fóra do contexto da feira, neste 10 de marzo, a Denominación de Orixe participou nunha Cata de Viños Tintos Senlleiros, dirixida polo director técnico da D.O. Valdeorras, Jorge Mazaira, e que reuniu a máis dunha vintena de profesionais da distribución, a hostalaría especializada e os medios de comunicación. Os participantes coñeceron de primeira man, proxectos elaborados con uvas autóctonas de gran valor enolóxico e cultural.
Na cata, que se levou a cabo no Travieso Bar, un wine bar con máis de 150 referencias de viños de toda España e o mundo, presentáronse 10 referencias de viños senlleiros elaborados a partir de variedades tintas tradicionais que algunhas adegas da denominación están recuperando, cun enfoque de preservación do patrimonio vitícola e identidade de orixe.
Entre as variedades protagonistas, atópanse: Brancellao, Caíño, Merenzao ou Sousón, que volven a ocupar un lugar destacado grazas ao impulso de adegas comprometidas coa diversidade varietal, a autenticidade e a conservación do viñedo histórico.