A quinta edición da Barcelona Wine Week abría esta mañá as súas portas no recinto Monjuïc de Fira de Barcelona, onde o Consello Regulador da D.O. Valdeorras estará presente, ata o mércores día 5 de febreiro, a través da 36 referencias presentadas por 18 adegas amparadas.
Sobre a participación nun dos eventos que congrega a maior oferta vitivinícola de España, con máis de 1.200 adegas participantes, o presidente da D.O. Valdeorras, Marcos Prada Ginzo, explica que “é un escaparate perfecto no que están representadas todas as denominacións de orixe”. Un total de 81 denominacións e outros selos de calidade participarán nesta feira.
Prada Ginzo aposta pola a especialización nunha denominación de orixe como Valdeorras, “pequena en relación coas outras”,e que busca a diferenciación na “exclusividade dos nosos viños, que son tesouros e cada vez están sendo máis recoñecidos e valorados polo mercado”. A D.O. Valdeorras leva asistindo a esta mostra dende a primeira edición.
Madrid e Ciudad Real
Ademais de na Barcelona Wine Week, os viños de Valdeorras estarán presentes nos outros dous eventos máis destacados do mercado nacional neste 2025. Así, viaxarán ao 38º Salón Gourmets de Madrid do 7 ao 10 de abril e á 13ª edición de Fenavin, que se celebrará do 6 ao 8 de maio en Ciudad Real.
Sobre esta promoción, o presidente do Consello Regulador explica que “a veteranía e a experiencia fixeron que sexamos nós os que elixamos en quée feiras queremos e non queremos estar presentes e onde se valoran realmente os nosos produtos”. Prada Ginzo di que, “ano a ano, diferenciámonos pola calidade dos nosos produtos que é impresionante, pero ademais, polo noso ‘know how’, que nos trouxo ata aquí e nos permitirá seguir crecendo”.