Un total de 54 viños amparados, 27 brancos e 27 tintos, foron presentados polo Consello Regulador da D.O. Valdeorras á cata dirixida polo Master of Wine Pedro Ballesteros, que esta mañá tivo lugar no Pazo de Quián, Sergude, Boqueixón (A Coruña).
Para o Consello Regulador, tal e como explica o seu director técnico, Jorge Mazaira, “que un Master of Wine do prestixio internacional de Pedro Ballesteros veña a Galicia a probar os nosos viños, xa é unha gran nova, pero se ademais ven da man dunha das revistas máis importantes do sector en Europa como Club Oenologique; podemos afirmar, sen medo a equivocarnos, que estamos ante unha oportunidade única para poñer en valor os viños valdeorreses en mercados interesantísimos para nós como o británico”.
O evento, organizado pola Asociación de CC.RR. Vitivinícolas Galegos e das II.XX. Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, Acruaga, conseguiu reunir, durante dúas xornadas, a de hoxe luns día 20 e a de mañá martes día 21 de xaneiro, un total de 232 viños, 160 brancos e 72 tintos, procedentes de todas as denominacións de orixe de Galicia (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras). A cata completarase coa degustación de produtos que se embotellan baixo as catro Indicacións Xeográficas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.
Hoxe foi o turno das denominacións de orixe Ribeiro, Valdeorras e Ribeira Sacra. Mañá, Ballesteros terá ocasión de degustar as propostas de Rías Baixas e Monterrei.