Londres acollerá o vindeiro martes, 3 de decembro, o II Salón dos Viños e Augardentes de Galicia, un showroom impulsado pola Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e das II.XX Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (Acruaga) que conta co respaldo da Consellería de Economía e Industria, a través do Igape e realízase en colaboración coa Unión Española de Catadores (UEC). Coa súa participación no evento, o Consello Regulador busca promocionar e fortalecer a internacionalización dos seus viños.
Ata a capital británica, viaxarán 111 viños de adegas de todas as denominacións de orixe da comunidade autónoma (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras), así como 25 referencias de empresas comercializadoras de destilados amparadas polas Indicacións Xeográficas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. En total, son 136 referencias as que se poderán degustar nunha xornada que se celebrará no salón Saint James de 67 Pall Mall, un dos espazos especializados dedicado ao viño de máis prestixio de cantos posúe, na actualidade, a cidade do Támesis.
O túnel do viño que propón Acruaga desenvolverase de 09,30 a 15,30 h. (horario local). Na xornada participarán adegas e empresas que xa teñen presenza no mercado británico, para consolidar as súas vendas neste destino, xunto a outras que aínda non exportaron os seus produtos a Gran Bretaña. “O obxectivo é atraer ao meirande número de profesionais posible”, sinala Antonio Lombardía, presidente do Consello Regulador Ribeira Sacra e máximo responsable de Acruaga, en relación á finalidade desta acción.
“Tras o éxito do I Salón de Viños e Augardentes de Galicia, que tivo lugar en novembro de hai dous anos en Ámsterdam, consideramos interesante darlle continuidade a esta idea en colaboración coa UEC para impulsar a internacionalización dos nosos viños e destilados e favorecer, así, o dinamismo económico e as exportacións do sector”, detalla Lombardía quen, ademais, agradece ao Igape “a súa implicación para que esta iniciativa se teña convertido nunha realidade”.
Calidade e diversidade
O II Salón dos Viños e Augardentes de Galicia pretende amosar a un público profesional a calidade e diversidade das elaboracións da Galicia vitivinícola, coa súa forte impronta atlántica, así como os destilados feitos no país.
Acruaga -que naceu en 2021- activou esta acción promocional no marco dun convenio asinado co Igape, con diferentes obxectivos, entre eles o de favorecer e impulsar o grao de coñecemento dos viños e licores galegos a través de accións de visibilización, divulgativas e formativas conxuntas en diferentes puntos de España e do estranxeiro.
Un convenio que xa fixo posible que viños e destilados de Galicia participaran no mes de febreiro deste ano, baixo un mesmo espazo expositor, en Vinexpo, unha das feiras máis relevantes do sector, que anualmente se celebra en París..