
A campaña institucional que a Deputación de Ourense desenvolve a través da Área de Igualdade, dirixida pola deputada provincial Teresa Barge, dedica este mes de agosto ás mulleres que manteñen viva a música tradicional galega. Baixo o lema «Mulleres que fan soar a nosa tradición», a iniciativa recoñece o seu talento, compromiso e labor imprescindible na transmisión dun patrimonio cultural que forma parte da identidade colectiva de Galicia, tal e como explica Barge.
A protagonista desta homenaxe é Ana Belén Rodríguez André, nada en Ourense en 1979 e profesora de pandeireta e canto popular na Escola Provincial de Gaitas desde o ano 2000. A súa traxectoria está estreitamente ligada a esta institución provincial, na que comezou a formarse cando apenas tiña nove anos.
Ana Belén toca a pandeireta desde 1988, ano no que se incorporou á Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Como integrante da formación provincial, participou en numerosas actuacións e viviu experiencias tan singulares como tocar e cantar ante o papa Xoán Paulo II no Vaticano, en 1996.
O seu amor pola música tradicional non procede, porén, dunha tradición familiar directa. “Na miña casa non había música, salvo o coñecemento de que tivera un tío avó gaiteiro que tocaba de oído, pero nunca cheguei a escoitalo”, explica.
O seu primeiro contacto coa gaita produciuse dun xeito case circunstancial. “A miña irmá maior tiña dificultades para aprender a tocar a frauta no colexio e, cando a miña nai me viu colocar os dedos para axudala, díxome: ‘Ti tes que tocar a gaita’. E apuntoume a clases”, lembra. A súa nai soubo recoñecer así, de maneira inequívoca, un talento que acabaría marcando toda a súa vida.
Unha vida ligada á Escola Provincial de Gaitas
A Escola Provincial de Gaitas converteuse desde entón nun elemento central da súa traxectoria persoal e profesional. Nela formouse como música, iniciou a súa profesión e coñeceu o seu marido. Hoxe, as súas dúas fillas continúan ese vínculo familiar coa música e son tamén músicas e gaiteiras.
“A Escola Provincial de Gaitas é todo un referente, dentro e fóra de Galicia, no ámbito da música tradicional”, salienta Ana Belén Rodríguez. Desde as súas aulas contribúe desde hai máis de dúas décadas a formar novas xeracións e a garantir a continuidade da pandeireta, do canto popular e da tradición oral.
A homenaxeada mantén tamén un contacto directo con numerosos grupos de rapazas, xa que imparte clases en diferentes asociacións veciñais. Desde esa experiencia, asegura que o interese das máis novas pola música tradicional non deixa de medrar.
“O efecto Tanxugueiras provocou un auténtico boom. Moitas nenas comezaron a interesarse pola música tradicional e cada día se enganchan máis, tamén a través dos poemas de Rosalía de Castro. Desde logo, hai canteira, e afortunadamente cada vez é maior”, afirma.
Coa campaña deste mes de agosto, a Deputación de Ourense pon en valor ás mulleres que, como Ana Belén Rodríguez André, recollen o legado das xeracións anteriores e o transmiten ás máis novas, facendo da música tradicional unha expresión cultural viva, contemporánea e con futuro.