As becas que concede a Deputación de Ourense aos 44 deportistas cualificados en modalidades deportivas individuais durante a tempada deportiva 2022-2023 entregábanse na tarde do 11 de outubro nun acto celebrado en Laias (Cenlle).
Trátase dunha iniciativa que desenvolve a Deputación de Ourense desde o ano 1988 e que nesta última convocatoria incrementou a contía destas becas pasando de 30.000 a 40.000 euros, “porque o voso esforzo debe ir acompañado do reforzo das administracións que apoiamos ao deporte”, dicía o presidente provincial, Luis Menor, no transcurso do acto celebrado no balneario de Laias, anunciando que a Deputación seguirá incrementando a dotación destas bolsas en próximos exercicios.
O presidente felicitou aos bolseiros polo seu traballo e compromiso “valores moi ligados ao deporte”, ademais de ter palabras para familiares e adestradores por ser un “apoio fundamental na vosa carreira deportiva”. Ademais puxo en valor o traballo que realiza a Deputación a prol do deporte, que se materializa a través de diferentes iniciativas para fomentar e promocionar a actividade deportiva, “colaborando con asociacións, federacións, clubs e, como neste caso, directamente cos deportistas”. Neste sentido, adiantou que desde o goberno provincial continuarase a traballar na consolidación de Ourense como unha provincia perfectamente preparada para acoller probas deportivas do máximo nivel.
Recoñecemento a Abelardo Barbosa
Xunto coa entrega das axudas, realizouse o tradicional recoñecemento a un técnico deportivo ourensán, desta volta a Abelardo Barbosa Álvarez pola súa traxectoria deportiva e achega ao deporte ourensán. “Un pioneiro que fixo do hóckey un modo de vida”, dixo o presidente provincial, quen aproveitou para felicitalo en nome de todos os ourensáns “pola recente concesión por parte da Xunta de Galicia da medalla ao mérito deportivo”.

Bolsas divididas en catro grupos
As axudas concedidas a deportistas cualificados en modalidades deportivas individuais organízanse en catro grupos segundo a categoría do deportista, quedando distribuídas da seguinte maneira: no primeiro grupo atópanse nove axudas de 1.600 euros cada unha; no segundo grupo están once deportistas que reciben unha achega de 900 euros cada un deles; no terceiro grupo inclúense doce axudas de 700 euros cada unha; e por último, no cuarto grupo están doce deportistas con 500 euros para cada un deles.
En total, a Deputación de Ourense destinou 40.000 euros para as bolsas a deportistas ourensáns de diferentes disciplinas coma a ximnasia trampolín, loita, natación, boxeo, taekwondo, bádminton, ciclismo, halterofilia, entre outros.
Entre os deportistas becados están os padexeiros valdeorreses Adrián Prada Pérez, Saúl Rodríguez, Sergio Ruiz e Jesús Rodríguez e a atleta Inés Docampo. Tamén logran beca o asturiano Miguel Fernández e o lucense Marcos González do Club Fluvial Barco.