A Deputación de Ourense aprobou no pleno ordinario de abril, celebrado o 25 de abril, tres modificacións de crédito por importe de 41,5 millóns de euros que facilitarán o financiamento, por parte da institución provincial, de máis de 200 accións en cooperación cos concellos e a colaboración con máis dun cento de iniciativas de asociacións de todos os ámbitos da provincia, así como servizos, plans, programas e liñas de colaboración da Deputación ourensá con outras administracións.
A inxección de recursos aprobada hoxe divídese en 24,7 millóns para a prestación dos servizos e programas da Deputación de Ourense; 9,6 millóns, para cooperación cos concellos; e 7,1 millóns para colaboración con entidades e mancomunidades.
As principais cifras destas modificacións son as que seguen:
- Cooperación con entidades locais: 10,5 millóns de euros (9,6 para concellos e preto de 900.000 euros para mancomunidades). A meirande parte das actuacións a financiar refírense á mellora e recuperación de infraestruturas e servizos básicos, ademais de proxectos de eficiencia enerxética ou actividades culturais, entre outros.
- Aténdense os compromisos asumidos en asistencia a maiores, con 800.000 euros para oito actuacións noutros tantos concellos para mellora, ampliación o funcionamento de residencias. Destacan os recursos destinados á construción dos centros de Baltar (250.000 €) e Xunqueira de Ambía (200.000 €).
- Para infraestruturas deportivas destínanse máis de 1,3 millóns de euros: case 613.000 euros para campos de fútbol de doce concellos, entre eles para a construción de campos Viana do Bolo (150.000 €); Maside (100.000); ou Cenlle (165.000 €). Para construción e mellora de instalacións deportivas en xeral destínanse máis de 700.000 €.
- Apoio con 480.000 euros aos concellos que teñen as bases dos GES (40.000 € para Avión, O Barco, Castro Caldelas, A Gudiña, Laza, Lobios, Maceda, Muíños, Pereiro de Aguiar, Ribadavia, A Veiga e o servizo da mancomunidade Terra de Celanova).
- Axudas por importe de 250.000 euros a repartir en cantidades iguais (50.000 €) entre os concellos con conservatorios de música (O Barco, Carballiño, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia).
- Servizos, plans, programas e liñas de colaboración da Deputación ourensá con outras administracións.
- Maior dotación de recursos para a rede provincial de estradas: 4,5 millóns. Esta cantidade, sumada a unha idéntica partida xa consignada nos orzamentos deste ano, eleva os recursos para estradas provinciais ata os 9 millóns de euros, dous millóns máis que no pasado exercicio.
- En Medio Ambiente, 5,6 millóns de euros, con especial atención ao servizo de recollida e tratamento de lixo, sendo a Deputación de Ourense a única institución provincial de Galicia que presta este servizo de modo directo.
- Dixitalización do ciclo hidráulico, con 2,4 millóns no marco do Perte da Auga.
- Para colaboración coa Xunta de Galicia, 1,3 millóns no convenio con Medio Rural para a prevención de incendios; 1,4 millóns para cofinanciar residencias de maiores; 150.000 euros en promoción de actividades deportivas; e a mesma cantidade no fomento de iniciativas culturais.
- Inclúese nesta apartado un plan provincial de vivenda (500.000 €) e un plan provincial de lectura (350.000 €).
- Colaboración con entidades: case 6,3 millóns de euros para colectivos e asociacións de carácter social, empresariais, do sector primario, educación, cultura, deporte ou sanidade.
- Destacan as axudas á Comunidade de Regantes da Limia para a modernización do regadío, e ao Consorcio de Turismo Ribeira Sacra para o plan de mobilidade, nos dous casos con achegas de 500.000 euros.
Neste apartado económico aprobouse tamén unha cuarta modificación de crédito, desta volta correspodente ao Inorde por importe de 401.500 euros, na que destaca os 100.000 euros destinados a actividades de promoción do turismo.
A Corporación deu ademais o visto bo a un Plan Económico-Financeiro para a Deputación ao rexistrarse un incumprimento da regra de gasto, por importe de 20,8 millóns de euros, con motivo da liquidación do orzamento de 2024.
O plan, que destaca o nivel cero de débeda da Deputación e a súa situación económica saneada, inclúen unha serie de medidas correctoras a aplicar durante o período 2025-2026.
Convenio para o desenvolvemento dos GES
Na orde do día figuraba a ratificación do convenio de colaboración asinado entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e as deputacións galegas en materia de emerxencias, prevención e defensa contra incendios forestais, para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) no período 2025-2027.
Mediante este convenio, todas as partes acordan apoiar o funcionamento dos GES de tal xeito que complementen a atención das emerxencias e extinción de incendios forestais, xunto cos parques de bombeiros municipais e comarcais, que tal que cubran zonas desprovistas de servizos de emerxencia cun ámbito superior ao municipal.
Para o financiamento dos GES na provincia de Ourense, a Deputación destinará 1,5 millóns de euros durante as anualidades recollidas no documento.
Tamén que foron aprobadas senllas delegacións de competencias na Deputación en materia de recadación formuladas polos concellos de Nogueira de Raumín e Sandiás.
Iniciativas sobre concellos, saúde, inmigración e recursos naturais
No apartado de proposicións, o pleno aprobou cinco mocións, a primeira delas referida ás competencias e financiación dos concellos.
Así, ínstase á Xunta de Galicia e ao Goberno central a que garantan o financiamento axeitado e estable para as competencias delegadas nos concellos, con particular atención aos servicios sociais e ás áreas rurais, establecendo mecanismos áxiles e transparentes na xestión.
Outras dúas proposicións aprobadas hoxe están relacionadas co ámbito da saúde. Por unha banda, a prevención e control da lexionela en colaboración cos concellos. Proponse un estudo, a realizar por técnicos da Deputación, para avaliar o custo da aplicación da normativa sobre a prevención e control da lexionela nas instalacións municipais dos concellos de menos de 20.000 habitantes. A finalidade é crear unha liña de axudas para a adaptación e modernización das instalacións hídricas municipais, mellorando a seguridade sanitaria das infraestruturas. Tamén se propoñen campañas para concienciar á cidadanía sobre os riscos desta bacteria e medidas preventivas a adoptar, ademais de formación para que o persoal das instalacións municipais.
A segunda moción referida á saúde pon o foco no control da silicose, instando ás autoridades sanitarias, empresas e mutuas a crear un rexistro provincial de enfermidades profesionais que recolla información detallada dos casos de silicose, con datos precisos para o posterior deseño de políticas efectivas.
Nunha ampla batería de iniciativas, a moción pide protocolos de seguridade laboral en empresas do sector de alto risco; auditorías laborais para certificar o cumprimento da normativa de seguridade; campañas informativas, obradoiros e xornadas dirixidas ao conxunto da sociedade sobre os riscos da exposición ao po de sílice e a adopción de medidas de protección e dereitos laborais; colaborar coas universidades e centros de investigación para avanzar no coñecemento da silicose; e apoio económico para incorporar tecnoloxía que reduza a emisión de po.
Entre as mocións aprobadas figura unha proposta para a mellora da atención e integración do colectivo migrante, na que se solicita ao Goberno de España a mellora da acollida, regularización e inserción laboral destas persoas, reducindo as esperas e garantindo un trato digno e eficiente.
Pídese tamén a revisión do Regulamento de Estranxeiría para evitar que as persoas solicitantes de asilo teñan que renunciar á súa protección internacional ou ao seu emprego para optar a outras vías como o arraigamento, así como a que acelere a homologación de títulos académicos e cualificacións profesionais para que os migrantes podan levar a cabo a súa profesión en España.
Un sistema de citas accesible e eficaz que evite situacións administrativas irregulares; a modificación do programa de impulso de rexeneración e renovación da vivenda urbana e rural destinado ao aluguer; e promover desde a Deputación políticas activas de integración social, laboral e educativa para persoas migrantes, en coordinación cos concellos, asociacións, ademais de campañas de visibilización e apoio institucional, son outras dos acordos que figuran nesta moción.
Finalmente, a Corporación posicionouse a favor dunha iniciativa sobre a explotación dos recursos naturais e minerais en Ourense, na que se esixe á Xunta de Galicia e ao Goberno central que a declaración de proxectos estratéxicos como o de Doade ou do Cenza leven aparelladas a posta en marcha de iniciativas empresariais e desenvolvemento rural en comarcas afectadas, co obxectivo de que teñan un impacto positivo sobre a comunidade local a explotación e posta en valor dos recursos naturais.
Tamén se solicita á Xunta de Galicia a que promova unha estratexia no desenvolvemento da minaría, a fin de que sexa sostible nas comarcas afectadas, partindo da declaración das materias primas esenciais como bens estratéxicos sometidos a control e aproveitamento público; e a modificación lexislativa para que nos proxectos mineiros haxa unha participación pública mínima do 20 %. Demándase tamén seguridade plena no aspecto medioambiental na fase construtiva e de explotación, con informes periódicos de situación, analíticas das augas e da afectación á flora e fauna.