
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe un total de 12 acordos que mobilizan 344.000 euros para impulsar a cooperación municipal, apoiar o deporte provincial, fortalecer o tecido asociativo e cultural e contribuír á dinamización económica do territorio.
O presidente provincial, Luis Menor, destacou que os acordos adoptados responden ao compromiso da institución provincial de “estar ao lado dos concellos, apoiar o talento deportivo, reforzar o labor das entidades sociais e culturais e contribuír ao desenvolvemento económico da provincia”.
No ámbito da cooperación municipal, a Xunta de Goberno aprobou unha subvención de 60.000 euros para o Concello de Gomesende destinada á mellora de viais municipais e á renovación de luminarias.
Tamén se aprobou unha modificación dunha subvención ao Concello de Bande para a mellora de camiños no núcleo de Corvelle, por importe de 10.000 euros, así como unha modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais de 2026 en relación con actuacións no Concello de Vilamartín de Valdeorras.
Apoio estratéxico ao deporte
Un dos asuntos máis destacados da sesión foi a resolución da convocatoria de subvencións a deportistas cualificados en modalidades deportivas individuais, dotada con 49.000 euros.
A convocatoria permitirá apoiar a 61 deportistas ourensáns pertencentes a 22 disciplinas deportivas diferentes, entre as que figuran atletismo, piragüismo, ximnasia, ximnasia trampolín, bádminton, halterofilia, loita, ciclismo, natación, boxeo, taekwondo, tiro olímpico, montañismo e escalada, parapente, salvamento e socorrismo, automobilismo, pesca deportiva, breaking ou wushu.
Luis Menor subliñou a importancia estratéxica desta liña de axudas, destinada a respaldar o esforzo dos deportistas que compiten a nivel autonómico, nacional e internacional, contribuíndo a sufragar gastos derivados da súa actividade deportiva.
“O deporte individual require moitas veces dun enorme esforzo persoal e familiar. Con estas axudas queremos contribuír a que o talento deportivo da nosa provincia poida seguir medrando e competindo ao máximo nivel”, destacou o presidente provincial.
A Xunta de Goberno aprobou tamén dúas colaboracións con entidades deportivas de referencia na provincia: unha achega de 50.000 euros para a Unión Deportiva Ourense e outra de 50.000 euros para o Club Balonmán Ribeiro, destinadas aos seus gastos de funcionamento.
Apoio ao tecido social, cultural e profesional
No apartado de apoio ao tecido asociativo, cultural e profesional, aprobáronse subvencións por importe total de 108.000 euros.
Entre elas figuran unha achega de 15.000 euros para a Asociación por Eles TEA; 18.000 euros para a Fundación Ínsua dos Poetas para a organización da Festa da Palabra; 30.000 euros para o Liceo Recreo Orensano; 25.000 euros para a Real Academia Galega; e 20.000 euros para o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense.
Por último, a Deputación aprobou unha subvención de 17.000 euros para o Centro Comercial Aberto do Barco de Valdeorras destinada aos seus gastos de funcionamento e ao desenvolvemento de proxectos durante o presente exercicio.
Con estes acordos, a Deputación de Ourense continúa impulsando actuacións orientadas á mellora dos servizos municipais, ao fortalecemento do deporte provincial, ao apoio das entidades que dinamizan a vida social e cultural da provincia e á promoción da actividade económica nos distintos territorios ourensáns.