
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense vén de aprobar na mañá deste luns 17 de agosto un total de 47 asuntos, que permiten mobilizar 1.154.794,34 euros en favor dos concellos e do tecido asociativo da provincia.
Do investimento global, 453.423,57 euros destínanse directamente á cooperación cos concellos, principalmente para mellorar infraestruturas, equipamentos e servizos municipais. Outros 701.370,77 euros corresponden á colaboración con entidades sociais, culturais, deportivas, económicas e empresariais.
O presidente provincial, Luis Menor, destacou que estas achegas “son unha ferramenta fundamental para seguir facendo provincia, apoiando especialmente os concellos con menos recursos e colaborando coas entidades que xeran actividade, prestan servizos e contribúen á cohesión e á calidade de vida da cidadanía”.
“Falamos de máis de 1,15 millóns de euros destinados a atender necesidades concretas, impulsar proxectos, reforzar servizos e dinamizar social e economicamente o territorio”, salientou Menor, quen definiu a cooperación cos concellos e co tecido asociativo como “unha das principais razóns de ser da Deputación”.
Máis de 453.000 euros para os concellos
Dentro do bloque de cooperación municipal, a actuación de maior contía corresponde ao Concello de Verín, que recibirá 127.000 euros para a reordenación da avenida de Portugal.
A Deputación achegará 70.000 euros ao Concello da Gudiña para atender os incrementos de obra do Fogar Residencial e 60.000 euros á Pobra de Trives para a mellora de infraestruturas viarias.
No caso de Castrelo do Val, aprobáronse dúas subvencións que suman 86.060 euros: 44.500 euros para a pavimentación da rúa San Antonio, en Nocedo do Val, e 41.560 euros para pavimentar pistas neste mesmo núcleo.
O Concello de Bande recibirá dúas achegas por un importe conxunto de 26.005 euros: 17.005 euros para adquirir unha minirretroescavadora destinada a actuacións de protección e 9.000 euros para adecuar un parque infantil.
Tamén se conceden 17.176,57 euros ao Concello de Cenlle para a demolición dunha edificación en Riobóo e 20.000 euros ao Concello do Carballiño para colaborar coa Festa do Pulpo.
A Xunta de Goberno aprobou, ademais, modificacións do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais relacionadas con actuacións nos concellos de Baltar, Celanova, Porqueira e Xunqueira de Espadanedo.

Nova liña para dotar os municipios de bancos e marquesiñas
Entre os acordos destaca a aprobación das bases e da convocatoria dunha nova liña de cooperación para facilitar aos concellos da provincia a adquisición de bancos e marquesiñas.
A Deputación asumirá o 50 % do prezo de adquisición do mobiliario, mentres que os municipios achegarán o 50 % restante. En 2026, a contribución municipal será de 121,75 euros máis IVE por cada banco e de 1.246,14 euros máis IVE por cada marquesiña.
Cada concello poderá solicitar un máximo anual de cinco bancos e unha marquesiña. As peticións resolveranse por rigorosa orde de presentación da documentación completa e correcta, ata esgotar as unidades dispoñibles e o crédito existente.
O mobiliario deberá instalarse en terreos de titularidade municipal ou en espazos que conten coa autorización da administración competente. Os concellos asumirán a súa retirada, transporte e instalación, así como a preparación da base de cimentación necesaria no caso das marquesiñas.
Luis Menor explicou que esta nova iniciativa “responde a unha necesidade concreta trasladada polos alcaldes e alcaldesas, especialmente desde os municipios rurais”.
“Son equipamentos sinxelos, pero cunha incidencia directa na vida diaria da veciñanza. Os bancos fan máis accesibles e acolledores os espazos públicos, sobre todo para as persoas maiores, e as marquesiñas ofrecen unhas condicións máis dignas e seguras ás persoas usuarias do transporte público”, afirmou.
Cartografía dixital e identificación dos rueiros de cinco concellos
A Xunta de Goberno resolveu tamén a convocatoria destinada aos concellos de menos de 5.000 habitantes para a confección da cartografía dixital dos rueiros municipais e a elaboración e colocación de placas de identificación, cun investimento de 47.182 euros.
As axudas concédense a cinco municipios:
- Piñor: 9.014,50 euros.
- Vilamartín de Valdeorras: 10.000 euros.
- Vilar de Santos: 8.167,50 euros.
- Ribadavia: 10.000 euros.
- Avión: 10.000 euros.
Esta actuación permitirá modernizar e actualizar a identificación das rúas, dos núcleos de poboación e dos espazos públicos, facilitando a orientación da veciñanza e das persoas visitantes, así como o traballo dos servizos sanitarios, de emerxencias, seguridade, transporte e reparto.
Apoio social por importe de 110.000 euros
Xa no apartado de cooperación con diferentes entidades, no ámbito social, a Deputación destina 110.000 euros a entidades que desenvolven programas de atención, inclusión e acompañamento ás persoas e ás familias.
A Asociación de Familiares de Persoas con Discapacidade Intelectual de Ourense, ASPANAS, recibirá 60.000 euros para acometer reformas nos seus centros; a Asociación de Persoas Xordas de Ourense, APSOU, contará con 25.000 euros para o seu proxecto provincial de 2026; e a Asociación Autismo Apúntaste, con 15.000 euros para o seu programa de atención temperá e infanto-xuvenil.
A estas achegas súmanse 10.000 euros para Special Olympics Galicia, destinados á convivencia familiar que se celebrará no Carballiño.
Preto de 224.000 euros para iniciativas culturais
As axudas vinculadas á cultura suman 223.949,17 euros, dos que 59.999,17 euros corresponden á convocatoria para a realización de festivais, ciclos, mostras e actividades análogas.
A Agrupación Musical da Limia-Orquestra Ourensanía recibirá 40.000 euros para as súas actividades culturais. Tamén se apoia a Fundación Florencio Delgado Gurriarán, con 30.000 euros; a Fundación Carlos Casares e a Fundación Curros Enríquez, con 26.000 euros cada unha; e a Fundación Rosalía de Castro, con 15.000 euros.
A Xunta de Goberno aprobou igualmente 10.450 euros para a Asociación Cultural Musical Novo Camiño; 5.000 euros para a Fundación Araguaney-Puentes de Cultura; 5.000 euros para o Grupo Folclórico Lembranza Solpor; 3.000 euros para FETEAGAL; 2.000 euros para a Asociación Cultural Memoria Antigua; e 1.500 euros para o Círculo Poético Ourensán.
Máis de 116.000 euros para o deporte
No ámbito deportivo, as achegas aprobadas ascenden a 116.421,60 euros.
O Club Náutico Castrelo de Miño recibirá 50.000 euros para o mantemento do pantalán; a Asociación Deportiva Bosco, 30.000 euros para os gastos de funcionamento da tempada 2025-2026; o Club Gayosos Competición, 20.000 euros para a súa representación nacional; e a Asociación de Amigos do Motociclismo da Peroxa, 8.000 euros para campionatos na provincia.
O Club Deportivo Córgomo Vilamarín contará con 8.421,60 euros para o mantemento do seu campo de fútbol.
A sesión tamén incluíu a fixación das bonificacións ás entidades polo uso das instalacións do Pazo dos Deportes Paco Paz durante a tempada 2025-2026.
Dinamización económica, empresarial e do medio rural
A Deputación destina outros 251.000 euros a iniciativas económicas, empresariais e relacionadas co medio rural.
O Círculo de Empresarios de Galicia recibirá 70.000 euros para o programa Ourense en Círculo, mentres que a Confederación Empresarial de Ourense contará con dúas achegas que suman 69.000 euros: 60.000 euros para gastos de funcionamento e 9.000 euros para a súa gala de empresas.
A Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos, ATAVE, recibirá 55.000 euros para gastos de funcionamento, e a Asociación de Gandeiros do Macizo Central, AGROMACEN, contará con 30.000 euros para o asesoramento ás comunidades de montes veciñais en man común da provincia.
Finalmente, concédense 15.000 euros á Asociación de Empresarios Ribeira Sacra Next para as súas actividades e 12.000 euros a Executivas de Galicia para o proxecto Xerando redes +45.
“Cada unha destas actuacións responde a unha realidade diferente, pero todas comparten un mesmo obxectivo: transformar os recursos provinciais en servizos, actividade e oportunidades”, concluíu Luis Menor.