EconomíaEconomíaÚltima hora

A empresa ourensá Redegal capta 3,8M€ na súa saída a bolsa

Axon Partners, firma global de investimentos, únese ás familias De Prado e Vázquez como investidor áncora

Jorge Vázquez, presidente executivo de Redegal, nun acto./ Foto: O SIL.

 

Redegal, compañía ourensá full dixital de alcance global, vén de pechar a súa ampliación de capital previo á saída a BME por valor de 3,8 millóns de euros, superando así as expectativas de 3 millóns que tiñan. Ademais, grazas a esta ampliación, entrou un novo investidor áncora, Axon Partners, que xunto ás familias Vázquez e De Prado posicionarase como accionista de referencia, segundo se indica dende Redegal. Axon Partners é unha firma global de investimentos e consultoría fundada en 2006 que combina a flexibilidade e eficacia xunto coa excelencia no asesoramento e execución de negocios no sector tecnolóxico e innovación.

“Grazas a esta inxección de capital, Redegal poderá potenciar o seu crecemento inorgánico e consolidar así a súa posición no mercado español e latinoamericano”, apunta a compañía, que contou nesta operación co asesoramento de Link Securities e DCM Asesores, firmas especializadas en mercados de capitais.

Esta operación mostra “a confianza do mercado na consultora de orixe galega que, durante os seus vinte anos de traxectoria, experimentou un ascenso notable grazas ao seu compromiso coa excelencia e a súa capacidade para adaptarse á volatilidade do mercado. Hoxe en día, Redegal é recoñecida a nivel global por ofrecer solucións tecnolóxicas avanzadas que integran negocio e tecnoloxía nun só servizo”, asegura Redegal. Cabe destacar que a empresa ourensá xa conta cun equipo multidisciplinar de máis de 130 profesionais que operan de maneira remota desde toda a Península Ibérica e Latinoamérica, cun hub en México que foi clave na súa expansión internacional.

“Non podemos estar máis contentos de completar con tanto éxito esta ampliación de capital e de dar a benvida a Axon Partners, quen xunto ao resto de accionistas vai permitir que podamos seguir a folla de roteiro que nos marcamos para os próximos anos. Isto trátase dun paso estratéxico que reforzará o noso plan de crecemento e expansión internacional converténdonos na segunda compañía de Ourense e a décimo primeira galega en cotizar no mercado bolsista”, afirma Jorge Vázquez, presidente executivo de Redegal.

A traxectoria de Redegal destacou pola súa capacidade para liderar proxectos de gran envergadura en múltiples sectores. A empresa foi repetidamente recoñecida pola súa contribución á transformación dixital e o seu papel activo na comunidade tecnolóxica, tanto en Galicia como a nivel global, colaborando con clientes que cotizan nas principais bolsas do mundo.

Sobre Redegal

Redegal é unha consultora full dixital que presta servizo a nivel global cunha carteira actual de máis de 200 clientes e unha experiencia de máis de 20 anos no mercado. Conta cun equipo multidisciplinar de máis de 130 profesionais nas súas oficinas da Península Ibérica e México que desenvolven solucións transversais para os seus clientes en márketing dixital, desenvolvemento ecommerce e web e produtos propios data-driven.

Redegal conta cunha forte especialización na xeración de negocio dixital, materializando desde proxectos na súa fase inicial a complexas estratexias e desenvolvementos en clave multisectorial. Na súa carteira de clientes nacionais e internacionais atópanse desde pemes ata grandes empresas que cotizan nas principais bolsas do mundo.

Back to top button