Esta tarde a empresa ourensá Redegal celebraba o acto de conmemoración do seu 20º aniversario nun concorrido acto que tiña como escenario o Teatro Principal da cidade das Burgas e que contaba coa presenza de numerosas autoridades, entre elas os presidentes da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices. Redegal é unha axencia de enxeñería dixital para as vendas, márketing en liña e consultoría tecnolóxica especialista en ecommerce, web e apps móbiles e redes sociais.
Nacía no 2004 como unha empresa de servizos de enxeñería informática, apostando a partir do 2007 polo desenvolvemento móbil, especializándose no 2010 en comercio electrónico para logo apostar pola internacionalización no 2011 e no 2013 lanzábase ao márketing dixital. No acto deste aniversario o seu CEO, Jorge Vázquez, anunciaba a súa saída á bolsa, o que a convertiría na segunda empresa ourensá do parquét tras Adolfo Domínguez.

Neste acto, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, gradecía o labor de Redegal por axudar desde hai anos ao tecido empresarial galego a mellorar e ser máis competitivos no mundo dixital e por apostar por medrar “desde Galicia e para Galicia”.
Tamén aludía á “aposta do Goberno autonómico por ofrecer estabilidade, certezas e seguridade ao tecido produtivo fai que Galicia sexa unha das comunidades nas que máis medra a confianza empresarial” e salientaba que Galicia xa é un referente no eido das TIC -un sector que representa o 2,7% do PIB e xera 1.750 millóns de euros ao ano, segundo os últimos datos dispoñibles, correspondentes a 2022- e que a Xunta quere reforzar aínda máis este liderado. Para iso, vén de declarar ás TIC como sector estratéxico e traballa no deseño do seu plan director, que comezará a redactarse a inicios de 2025.
Fotos: O SIL.