En portadaÚltima hora

A empresa ourensá Redegal inicia a súa cotización bolsa

Incorpora a BME Scaleup cunha valoración inicial total de 15 millóns de euros

 

A empresa ourensá Redegal, consultora full dixital, vén de iniciar hoxe a súa cotización en Bolsa, tras a incorporación a negociación de todas as súas accións en BME Scaleup. A cerimonia levouse a cabo a través do tradicional Toque de Campá celebrado no Palacio da Bolsa de Madrid, que estivo protagonizado por Jorge Vázquez, presidente executivo de Redegal; Juan Flames, CEO de BME, e Jesús González Nieto, director xerente de BME Scaleup.

A empresa comezaba a súa cotización bolsista cun prezo de referencia de 7 euros por acción, o que supón unha valoración total das 2.177.740 accións que compoñen o capital social da compañía de 15 millóns de euros. Con carácter previo á incorporación a cotización, a compañía realizou unha ampliación de capital por importe de 2,1 millóns de euros colocada entre máis de 200 investidores. O número de accionistas total da compañía antes de iniciar a súa cotización bolsista aproxímase aos 275, o cal lle outorga un nivel de difusión moi relevante ao valor.

Redegal decidiu incorporar as súas accións ao mercado cun desconto respecto á súa valoración potencial como xesto de compromiso cos investidores. “Esta decisión estratéxica busca fomentar a confianza no mercado, atraer a novos accionistas e garantir unha base sólida de apoio para o crecemento futuro da compañía, en liña coa nosa filosofía de transparencia e xeración de valor a longo prazo”, indican dende a empresa.

 

 

Así, con esta incorporación, Redegal inicia a súa andaina no mercado de valores co obxectivo de dar o salto a BME Growth a curto prazo, en liña coa folla de ruta que se marcou a compañía para os próximos anos e como xa avanzou cando anunciou o seu interese en cotizar no mercado bolsista español. “A entrada de Redegal a BME Scaleup marca un punto de inflexión na traxectoria da nosa compañía, ábrenos novas oportunidades de crecemento e fortalece o noso posicionamento competitivo en España e Latinoamérica. Este logro reflicte o compromiso de todo o noso equipo coa innovación e a excelencia, apoiado pola evolución do noso negocio. Con este novo fito, estamos máis preparados que nunca para seguir liderando o mercado dixital e xerando valor sostible para os nosos clientes e accionistas. O noso seguinte obxectivo é cotizar en BME Growth xerando moito valor á nosa base de accionistas.”, sinala Jorge Vázquez.

Para a súa incorporación ao mercado, a compañía seleccionou BME Scaleup para continuar o seu crecemento, contando con Link Securities, firma especializada en mercados financeiros españois, como axente colocador, con Xestión de Patrimonios Mobiliarios (GPM) como Provedor de Liquidez, e con DCM Asesores como Asesor Rexistrado.

 

 

 

Con este gran salto, a compañía busca seguir impulsando o seu negocio e continuar a súa expansión por diferentes mercados crave para impulsar proxectos que impacten no crecemento e a competitividade dos seus clientes. Agora a compañía continúa cunha estratexia para os próximos anos que se centra “en consolidar a súa posición como líder en solucións dixitais, con tres unidades de negocio (tech, dixital business & product), impulsando a súa expansión internacional e fortalecendo a súa presenza en mercados clave. Apostar pola innovación tecnolóxica e o desenvolvemento de proxectos de alto impacto para os nosos clientes, cun enfoque na sustentabilidade e a adaptación ás novas tendencias do mercado dixital son puntos clave para a compañía. Ademais, o priorizar a atracción e retención do mellor talento, así como a implementación de prácticas que xeren valor para os accionistas e reforcen a nosa competitividade nunha contorna en constante evolución”, asegura Redegal.

Fotos: Redegal.

Back to top button