ConcellosÚltima hora

A escultura da troita máis grande do mundo ten selo valdeorrés

O barquense Tasín Laurel, profesor no IES Enrique Muruais da Pontenova (Lugo), é un dos tres docentes que participan nesta iniciativa xunto ao alumnado de FP

 

Con 8 m de lonxitude, será a maior escultura dunha troita no mundo e situarase ás beiras do río Eo, á entrada da Pontenova (Lugo). A iniciativa é froito dunha colaboración entre o Concello e o IES Enrique Muruais e pretende poñer en valor o mundo da pesca neste municipio.

A peza ten sido elaborada por tres profesores deste centro de ensino, entre eles o barquense Tasín Laurel, así como polo alumnado de FP. “Está feita de aceiro e pesa uns 1.000 quilos. A parte metálica da troita está terminada, pero estamos preparando agora a superficie porque a vai pintar un artista. A idea é que quede o máis realista posible, coas pintas e as cores da troita da zona. Entó agora estámoslle dando unhas masillas para tapar os plomos das soldaduras e vaiselle dar unha imprimación, e logo vaise pintar”, explica Tasín Laurel.

A inauguración da escultura está prevista para o 30 de abril, no marco da celebración coa Festa da Troita na Pontenova que se celebra o 1 de maio. Deste xeito A Pontenova contará coa escultura dunha troita máis grande do mundo, superando a de 7,65 m que está en Michigan (Estados Unidos).

Esta non é a primeira vez que o profesorado e alumnado de FP do IES Enrique Muruais leva á rúa o seu traballo. “Xa colaboramos antes co Concello no primeiro trimestre do curso, no que fixemos a árbore de Nadal, montouse nunha das prazas da localidade e tiña uns 12 m de altura”, comenta o profesor barquense.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button