En portadaGalerías de fotos

“A Esmorga é ao cen por cen de Ourense”

O filme, baseado na novela de Eduardo Blanco Amor, presentábase na mañá do 14 de novembro na praza Maior de Ourense

“É unha satisfacción para min e unha honra poder abrir con esta película, que é cen por cen ourensá, o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). Cando vaiades o cine veredes que Ourense está totaltamente reflexado, porque na novela xa o estaba”.O valdeorrés Ignacio Vilar, director de “A Esmorga”, comezaba con estas palabras a súa intervención no acto de presentación deste filme na mañá do 14 de novembro na praza Maior da cidade das Burgas. Ao seu carón, os tres protagonistas da longametraxe galega: Miguel de Lira, Karra Elejalde e Antonio Durán “Morris”. Tamén, o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, a directora do OUFF, Nora Sola, e o director da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes.

Salientaba Vilar que unha das cuestións máis difíciles neste traballo foi conseguir a luz da cidade “porque esta luz significa moitas horas de auga e frío. Pero era necesario, era o que nos pedía a novela, e penso que conseguir esa atmósfera axuda a que a historia chegue a todos os ourensás porque esta é unha película de Ourense”.

De seguido, tomaba a palabra a directora do OUFF, Nora Sola, quen se amosaba “encantada” de que sexa esta longametraxe, que leva á gran pantalla a novela homónima de Eduardo Blanco Amor, a que inaugure a 19 edición do festival de cine. E logo interviña o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, quen recoñecía que aspira a que “a nosa cidade se vexa reflexada no cine” e a que “a través do Cibrán, o Bocas e o Milhomes a xente se pregunte onde están eses espazos nos que se deselvolve o filme”, poñendo en valor o papel que xoga Ourense no filme.

Pola súa banda Víctor F. Freixanes, director de Galaxia, felicitaba a Vilar polo resultado deste proxecto e incidía en que “Eduardo Blanco Amor é o corazón da película”. Tamén amosaban o punto de vista sobre esta produción os seus protagonistas, que coincidían en valorar o satisfactorio desta experiencia. O primeiro en intervir era o actor vasco Karra Elejalde (que encarna ao “Bocas”), quen confesaba os seus temores iniciais ante o reto de falar en galego. Un reto conseguido, segundo matizaba Ignacio Vilar destacando o seu “impresionante galego con sotaque de Ourense”. Para Miguel de Lira (“Cibrán” no filme) “A Esmorga” é unha película “moi de auga e de lume, a auga que cae, a auga que entra e mesmo a auga do río”, mentres que Morris (o “Milhomes”) resaltaba que para el esta película foi “unha experiencia vital”.

A presentación tivo como broche a lectura, polo propio Ignacio Vilar, dun anaco dunha carta que Blanco Amor escribiu despois de ver “A Parranda” (adaptación que fixo Gonzalo Suárez de “A Esmorga” no ano 1978) nas que comentaba que estaba “convencido de que chegaría un día en que sería capaz de levar o proxecto adiante en Galicia, con actores e directores formados aquí, e en galego”.

Ese momento xa chegou. “A Esmorga” é unha realidade e estrearase o 15 de novembro no marco da gala que abrirá ás 20:30h. no Auditorio de Ourense o 19 OUFF.

Texto: Ángeles Rodríguez/ Ourense
Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button