En portada

“A Esmorga” suma 16 candidaturas para os Mestre Mateo

A gala de entrega destes galardóns do audiovisual galego terá lugar en abril na Coruña
Unha das esceas da longametraxe "A Esmorga", de Ignacio Vilar./ Foto: http://aesmorgafilme.com/es.
Unha das esceas da longametraxe “A Esmorga”, de Ignacio Vilar./ Foto: http://aesmorgafilme.com/es.

A Academia Galega do Audiovisual daba a coñecer na mañá do 10 de marzo os nomes dos finalistas da décimoterceira edición dos Premios Mestre Mateo. Era no decurso dun acto celebrado no Auditorio Abanca, en Compostela, presentado pola actriz Mercedes Castro e polo actor Ricardo de Barreiro.

Na primeira rolda de votacións o filme “A Esmorga”, do director valdeorrés Ignacio Vilar e estreada na pasada edición do Festival Internacional de Cine de Ourense, sitúase como o máis votado entre as 111 pezas que participaban nesta primera votacións dos premios.

Esta longametraxe, rodada na provincia de Ourense, suma 16 candidaturas: longametraxe, interpretación masculina protagonista (3: Antonio Durán “Morris”, Karra Elejalde, Miguel de Lira), interpretación feminina de reparto (2: Mela Casal, Sabela Arán), dirección, dirección de arte, guión, dirección de fotografía, montaxe, música orixinal, vestiario, son, maquillaxe e perruquería, dirección de produción.

Despois desta pelícla sobre a novela homónima de Eduardo Blanco Amor, por número de nominacións está outra longametraxe: “Os Fenómenos”, que conta con 11 candidaturas. A terceira das obras máis votadas é a serie televisiva “Serramoura”, cun total de 9 presenzas entre os finalistas. Tamén destaca a longametraxe “Schimbare”, que figura en oito das categorías dos galardóns.

Os intérpretes Mercedes Castro e Ricardo de Barreiro, na presentación dos nominados aos Premios Mestre Mateo 2015.
Os intérpretes Mercedes Castro e Ricardo de Barreiro, na presentación dos nominados aos Premios Mestre Mateo 2015.

Este ano, a Academia Galega do Audiovisual estrenou un novo procedemento de votacións que permite aos socios votar en liña, facilitando o sistema de voto e axilizando a súa xestión. Este novo procedemento será o que se utilice tamén para as votacións finais. Os académicos terán que escoller entre un total de 42 obras entre longametraxes, series de televisión, series web, documentais, programas, etc.

A gala de entrega dos Premios Mestre Mateo celebrarase o vindeiro 11 de abril no auditorio de Palexco da Coruña.

Artigos relacionados

Back to top button