CulturaCulturaÚltima hora

A espada de Mouruás (Río), eixo dun proxecto audiovisual impulsado por Lucía Álvarez e Rosa Torres-Pardo

Esta produción será promovida pola Deputación de Ourense, segundo anunciou o seu presidente, Manuel Baltar

Publicidade
A actriz Lucía Álvarez, natural de Mouruás (Río), co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

 

A espada de Mouruás, unha peza de broce con máis de 3.000 anos de antigüidade atopada en 1967 na localidade do mesmo nome do concello de San Xoán de Río e que se conserva no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, será obxecto dunha produción audiovisual promovida pola Deputación.

O presidente provincial Manuel Baltar fixo este anuncio logo da reunión que mantivo hoxe coa actriz, guionista e directora ourensá Lucía Álvarez, natural da pequena aldea onde se atopou a milenaria espada e impulsora deste proxecto, xunto coa pianista Rosa Torres-Pardo a través da produtora Mezzoforte 111.

O presidente provincial destacou a ilusión de Lucía Álvarez por levar adiante este traballo “sobre un obxecto sumamente relevante non só na historia de Ourense, senón da humanidade, xa que estamos a falar de que foi fundida hai 3.000 anos, o que nos liga directamente coa nosa historia, a nosa esencia e a nosa identidade”.

Baltar afirmou que esta produción audiovisual “vai ser unha nova oportunidade para darnos visibilidade, como ocorreu coa exposición In Tempore Sueborum, que sobre o mundo suevo organizou a Deputación a finais de 2017 e principios de 2018 con preto de 300 pezas pertencentes a 39 museos europeos. Agora, engadiu, “imos mostrar pezas concretas que, como esta espada, son unha auténtica xoia do noso patrimonio e cunha relevancia histórica que ninguén pode discutir”.

Lucía Álvarez engadiu pola súa parte que o proxecto sobre a espada de Mouruás “seguirá unha singular liña que mantemos na nosa produtora, como é deseñar desde o principio unha produción totalmente accesible ás persoas con discapacidade auditiva e visual, facendo así partícipes a todo o mundo das nosas historias”.

Depositada no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, a espada de Mouruás é unha peza de bronce datada entre os séculos X e IX antes da nosa era. Foi atopada en 1967 na canteira da Pena dos Castros durante os traballos de construción dunha estrada e conservada grazas á iniciativa dunha veciña da aldea, Nemesia Blanco, que contactou co arqueólogo e antropólogo Xesús Ferro Couselo, que verificou a importancia do achado.

Artigos relacionados

Back to top button