CD BarcoDeportesFútbolÚltima hora

O CD Barco sela unha tempada redonda como flamante campión da XLIV Copa Deputación

Co 6-2 remataba a final disputada na tarde deste sábado 31 de maio no estadio ourensán de O Couto

 

Agora si. Na tarde deste sábado 31 de maio o CD Barco pechaba a tempada por todo o alto, levantando a XLIV Copa Deputación de Ourense “Miguel Ángel”, tras unha intensa final disputada no estadio do Couto ante o CD Velle que vencían por un contundente 6-2.

Logo de gañar a liga e lograr o ansiado ascenso á Terceira Federación, os de Lino Estévez buscaban o   dobrete nesta tempada e resarsirse da derrota sufrida na final da tempada pasada mentres que o Velle aspiraba a levantar a súa sétima Copa, pero nesta ocasión todo estaba de parte do valdeorreses aínda que foi un partido intenso por ambas partes.

 

O CD Barco, campión da Copa Deputación./ Foto: Real Federación Galega de Fútbol.

 

Así, tras un gran inicio do CD Velle no Couto, chegando a adiantarse 0-2 no marcador; o CD Barco reaccionaba e en cuestión de oito minutos lograba empatar o encontro para chegar ao descanso cun 2-2 e todo por decidir no segundos corenta e cinco minutos. Brian Castro recurtaba distancias aos trinta e catro minutos (1-2) mentres que o segundo gol barquense era obra de Óscar Martín.

Nada máis comezar o segundo tempo, no minuto 47 Brian Castro marcaba o seu segundo gol, adiantando aos valdeorreses no marcador. No minuto 64 Sidibé poñía o 4-2 e no 83′ marcaba Rogerio. Con todo o broche poñíao Alejandro ao transformar un penalti no minuto 90.

O presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto, e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, entregaron as medallas e os trofeos aos dous equipos.

Máis fotos:

O CD Barco levanta a Copa Deputación de Ourense despois de 44 anos

 

Artigos relacionados

Back to top button