EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, catro décadas apostando pola preservación da diversidade e a sustentabilidade da viticultura galega

Campo de homologación de clons da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia.

 

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, situada no concello ourensán de Leiro, creouse no ano 1985 co obxectivo de impulsar o sector vitivinícola galego. Na actualidade, catro décadas despois,  Evega está consolidada como un importante referente na preservación da diversidade, a aposta pola innovación e o traballo por garantir a sustentabilidade neste eido, que actualmente é un dos motores económicos da economía galega.

Ao longo destes anos a Evega traballou arreo na preservación e o rexistro do patrimonio xenético. As súas instalacións contan cun banco de xermoplasma de vide, onde se conservan máis de douscentos ecotipos correspondentes a 67 variedades de vide, das cales o 80% son de cultivo tradicionall.

Grazas ás tarefas realizadas por persoal da Evega en materia de prospección, caracterización e estudo, como o Albariño, a Treixadura ou a Mencía, entre outras; moitas variedades están incluídas no Catálogo Nacional de Variedades de Vide, o que garante a súa protección e dispoñibilidade para viticultores e adegas. Neste sentido, e converténdose nun dos fitos máis salientables da ampla variedade de logros acadados por esta entidade, puido recuperarse a variedade Godello a través do proxecto Revival, que supuxo un punto de inflexión no cultivo e expansión.

 

 

Viñedo experimental da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia.

 

Segue traballándose nesta liña e nos últimos anos reforzouse o rexistro de variedades tradicionais minoritarias, cuxa orixinalidade contribúe á singularidade dos viños galegos, como poden ser o branco lexítimo, o ratiño ou a albilla do Avia, que na actualidade están xa autorizadas polas denominacións de orixe correspondentes.

Innovación tecnolóxica e sustentabilidade: o proxecto FITOVIT

A aposta máis recente da Evega pola investigación cooperativa sostible é o proxecto FITOVIT, coa que abordan a necesidade de protexer o viñedo fronte ás enfermidades e procuran reducir o uso de químicos ao mesmo tempo que garanten unha produción sostible e competitiva.

Trátase dunha aplicación web que está xa dispoñible e que desenvolve modelos de predición de enfermidades baseados no ciclo biolóxico dos fungos e en datos climáticos, favorecendo decisións máis eficientes e un menor uso de fitosanitarios.

Deste xeito, promóvese tamén o estudo e validación de produtos fitosanitarios sostibles, bioestimulantes e axentes de control biolóxico a través de convenios con empresas produtoras.

 

Laboratorio de bioloxía.

 

Mellora xenética e selección clonal

Ademais das liñas de investigación centradas na preservación desde Evega, levan a cabo un importante traballo no eido da mellora xenética, cun programa propio de selección clonal que converte á Estación nun dos centros máis avanzados da Península Ibérica neste eido.

Así, este viveiro lidera o desenvolvemento de máis de 35 clons certificados de variedades brancas e tintas, como poden ser Torrontés, Dona Branca, Brancellao ou Caíño Tinto, por mencionar algunhas; co fin de mellorar a calidade sen perder identidade varietal.

Estes clons homologados puxéronse a disposición do sector, subministrando aos viveiros galegos enxertos certificados. Isto outórgalle aos viticultores a posibilidade de plantar viñedos equilibrados e sostibles, asegurando a diversidade policlonal e a capacidade de adaptación fronte ás variacións ambientais.

 

 

Selección de levaduras.

 

Cabe sinalar que a principios dos anos 2000 a Evega comezou a incorporar técnicas de secuenciación de ADN, co fin de identificar con precisión as castes galegas. Actualmente están a utilizarse procesos de secuenciación masiva para analizar o material xenético das plantas, microorganismos do solo, fungos patóxenos e levaduras para avaliar o impacto dos fitosanitarios sobre a súa microbiota.

Con estas investigacións estúdase a relación entre a diversidade microbiana e a expresión do terroir (conxunto de características que inflúen nos caldos, como o clima, o terreo ou a topografía, entre outros) nos viños galegos, o que reforza unha viticultura máis produtiva e sustentable.

 

Invernadoiro de material clonal.

 

Transferencia de coñecemento e colaboración con outras entidades

Ao longo dos seus corenta anos de historia e Evega conformou unha ampla rede de colaboración con universidades, centros de investigación e diferentes axentes do sector vitivinícola (como consellos reguladores e adegas) aos que lles ofrece servizos de análise, asesoramento técnico e formación, reforzando aínda máis o seu carácter de servizo público e converténdose nun referente esencial para o sector vitivinícola galego. Ademais, a colaboración con viveiros nacionais supón un avance estratéxico que amplía a capacidade produtiva, dá proxección ao traballo científico e consolida a Galicia como referente en material vitícola de alta calidade.

 

Adega de vinificacións.
Back to top button