“Eu non sei que cousa é a alma: un espírito, sentimento, unha ferida íntima… non sei; pero sei que é o que deixo nos meus cadros e nos meus versos”. Así describía José Porto García, que asinaba como Xosé de Valbuxán os seus textos e como Yosso a súa pintura, a súa inqueda, singular e brillante alma artística. Un impulso creativo que protagonizaba o emotivo acto no o Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV) o proclamaba, de forma póstuma, “Valdeorrés Ilustre” a este bolés, nado en 1943 en Valbuxán e falecido no 2019 no Bolo, que expuxo en Narbona, Roma, Londres ou Madrid a súa obra, logrando o recoñecemento e aplauso do público e da crítica.
A forza da súa creación latexaba no acto, presidido polo seu retrato e cunha mesa de intervencións cuberta dos seus numerosos e diversos libros no salón de actos da Casa Grande de Viloira (O Barco). Un acto que se abría cunha peza interpretada á gaita por un dos seus sobriños, Martín Porto Oliveira, e inspirada na súa obra. Deseguido, o presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado, confesaba que un dos seus soños era “ver un museo que levase o nome de Yosso e no que puidera admirarse a súa obra”, algo que se facía realidade hai uns anos grazas ao Concello do Bolo. “Era un consumado artista e un inspirado poeta”, recalcaba antes de dar paso á vicesecretaria do IEV, Sherezade Núñez, que daba lectura á acta do 4 de outubro de 2024 na que esta entidade acordaba nomear “Valdeorrés Ilustre” a Yosso.
Despois interviña o xornalista e amigo de Yosso, José Manuel Rubín, quen aseguraba que a proclamación de Yosso como “Valdeorrés Ilustre” supón “a culminación dun soño que levo comigo dende hai décadas”, asegurando que durante décadas “a cultura oficial galega miraba de esguello a súa obra”. Así mesmo daba varias pinceladas da faceta humana deste creador, falando del “con pouco raciocinio e con moto sentimento” e incidindo en que “non era un artista ao uso, voltou a Valbuxán fuxindo das fogueiras das vanidades”. Rubín finalizaba animando a “seguir turrando” por difundir a obra de Yosso e, en concreto, expresaba o seu soño de que algún 17 de maio se lle adiquen as Letras Galegas, “por soñar que non quede”.
A continuación tomaba a palabra o investigador vianés Carlos X. Ares Pérez, membro da Sociedade Antropolóxica Galega, quen analizaba o labor artístico de Yosso dende a mirada etnográfica. “Quero destacar o valor para o estudo etnográfico desta comarca a obra de Yosso, tanto na súa pintura, cando nos deixaba de escenas segando herba, das vacas, os pombeiros… todos eses elementos que nos falan un pouco da ideosincrasis da xente desta terra, e tamén na súa obra escrita como nos vai relatando diferentes aspectos que nos axudan moito a estudar como era a vida antano e a coñecer a ideosincrasia das terras do Bolo”.
Nesa exposición, Ares aludía a algún dos textos de Xosé de Valbuxán, como é o caso do coñecido “Himno ao roble”, “unha admirable testemuña etnográfica e posta en valor do rural”, ou a libros como Valbuxán, O Bolo e As Ermidas: o triángulo da miña infancia, “no que fala das aldeas que amaba”, pero tamén recolle as historias do “lobo da xente” ou inmortalizaba as figuras e mascaradas do Entroido de Valbuxán. “Ademais, “verbalizaba todo o que tiña dentro a través dos seus cadros”. Facía, ademais, un percorrido polas reseñas xornalísticas da época e poñía voz as valoracións que sobre Yosso facían destacadas figuras como Vallejo Nájera, Blanco Amor ou Celso Emilio Ferreiro, para quen cada cadro do autor bolés era “un estado de ánimo”.
Carlos Ares sinalaba que a obra de Yosso “non deixaba indiferente a ninguén, estamos xa que logo ante un artista sublime que foi quen de unir e maridar a pluma co pincel, para escribir coa idea de que todos aqueles costumes e lugares da súa contorna non quedaran nin esquecidos nin silenciados, e tamén para pintar, debuxar e modelar paisaxes, oficios e situacións que o levaban a transitar por un mundo de ensoñacións afectivas que fan rebulir as nosas emocións cando, parados ante as súas mesturas de pigmentos, observamos calquera das creacións que nos deixou”. E concluía que Yosso era “un xenio atemporal” e que “alá onde estea hoxe presenciando este atinado acto deixe esbozar un sorriso de satisfacción póstuma mentres nos asigna a cada un de nós unha das cores da súa paleta, quizais como agradecemento ou quen sabe se para facernos parte da súa escala cromática”.
Na faciana máis persoal de Yosso afondaba a súa irmá Marina, que agradecía ao recoñecemento ao seu irmán en nome da súa familia, “nós o que queremos é que a súa obra sexa coñecida e perdure no tempo, a miña sobriña Manola está loitando en corpo e alma para iso e conta co apoio de todos os familiares, pero necesitamos axuda. Ese recoñecemento ao seu gran valor humano e artístico supón un gran paso nese camiño”. E resaltaba que “é honra que comparta este nomeamento de Valdeorrés Ilustre con Castro Voces, xa que tíñanse moita admiración e gran estima”. Finalmente, lía un dos poemas.
O evento continuaba cunha carta da presidenta da Sección de Literatura do IEV, María Carmen Gago Florenti, que non puido estar presente no acto, que á que poñía voz Aurelio Blanco Trincado, quen adiantaba que a vindeira edición do Encontro de Poetas estará adicada a Yosso. Logo Manola Porto lía emocionada un fermoso poema de Yosso, adicado á súa aldea, “Ai Valbuxán, Valbuxán”.
Na parte final do acto interviñan as autoridades. Primeiro o alcalde do Bolo, Alberto Vázquez, quen comentaba que, malia ser O Bolo un “concello modesto, intentamos dar a coñecer a súa obra a través do museo onde está exposta parte da súa obra literaria, que supera os 30 exemplares, e tamén a súa pintura que sobrepasa os 200 cadros. Ao público están expostas 70 obras”. O rexedor aseguraba que se vai seguir mellorando nese labor de posta en valor da súa creación.
Pola súa banda, a deputada provincial delegada especial para Valdeorras, María Carmen González, festexaba esta homenaxe a un “Valdeorrés Ilustre”, que “aportou sentimento e ledicia á nosa terra”, e amosaba o apoio da Deputación de Ourense nese labor de posta en valor desta figura e a doutros valdeorreses destacados.
Pechaba o acto a xefa territorial de Presidencia, Xustiza e Deportes, incidindo en que “Yosso coa súa obra deixou unha pegada indeleble na súa comunidade” e que puxo en “valor a conexión entre a cultura e o territorio”. Finalmente, soaba o himno galego interpretado por Martín Porto.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.