No mediodía deste 19 de setembro o Pazo de Fontefiz, situado no concello ourensán de Coles, acollía a celebración do 25º aniversario da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga). A entidade, que integra as asociacións que representan as cinco razas de vacas galegas en perigo de extinción —cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa—, xunto coas correspondentes á Galiña de Mos, á Ovella Galega e á Cabra Galega, cumpre 25 anos de traballo pola conservación, o rexistro xenealóxico e a posta en valor de todas elas.
A Federación preparou un encontro na súa sede, no que participaron diversas autoridades, gandeiros e persoas vinculadas ás distintas asociacións. Tras uns petiscos de benvida e a foto oficial no patio central do Pazo, os presentes asistiron á entrega de premios da segunda edición do Concurso de Fotografía Autóctonas de Galicia 2025.
Na entrega dos galardóns participaron Rosendo Luís Fernández, presidente do Inorde, dependente da Deputación de Ourense; Carlos Rodríguez, en representación da Vicepresidencia da Deputación de Lugo; Andrés Hermida, presidente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia; Julio Feijóo, director do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia; José Antonio Armada, director territorial do Medio Rural en Ourense; Silvestre José Balseiros, director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias; Susana Rodríguez, alcaldesa do Concello de Coles, e María José Gómez, conselleira do Medio Rural, que pechou o acto agradecendo o esforzo do persoal da Federación e dos gandeiros.
Previamente, o presidente de Boaga, Cástor José Rivero, ofreceu un discurso de benvida, no que aproveitou para darlle as grazas tamén a todas as persoas implicadas na recuperación das razas, especialmente os criadores e criadoras: “Vinte e cinco anos que non terían sentido sen as gandeiras e os gandeiros que mantiveron vivos os animais, os pastos e a paisaxe que os sostén. Queremos celebrar este aniversario con quen fixo posible este camiño”, destacou.

Posteriormente, ao redor de 300 persoas gozaron dun xantar de confraternidade nas propias instalacións do Pazo.
Na previa do encontro, as oito asociacións integradas en Boaga (Cachega, Caldega, Frieirega, Limiaga, Vianega, Asovega, Avimós e Capriga), máis Asoporcel e Puraga, celebraron as súas respectivas asembleas xerais.
Premiados no II Concurso de Fotografía Autóctonas de Galicia
- Ovella Galega: Ovidio Rojo (Monterroso, Lugo)
- Galiña de Mos: José Zapata (Castro de Rei, Lugo)
- Cachena: Montserrat Fernández (San Sadurniño, A Coruña)
- Caldelá: Gandería Torre T.C. (Pedrafita do Cebreiro, Lugo)
- Cabra Galega: Francisca Buide (Lugo)
- Frieirega: Amelia De Zugasti (A Veiga, Ourense)
- Limiá: Emilia Santé (Barreiros, Lugo)
- Vianesa: Lorena Pérez (Montederramo, Ourense)
A historia da Federación
En febreiro de 2001 naceu a Federación de Bovino Autóctono de Galicia, formada pola Asociación de Criadores de Raza Cachena, a Asociación de Criadores de Raza Caldelá, a Asociación de Criadores de Raza Frieiresa, a Asociación de Criadores de Raza Limiá e a Asociación de Criadores de Raza Vianesa.
En 2007, uníronse a Asociación de Criadores de Ovella Galega e a Asociación de Criadores de Galiña de Mos. Naquel momento, a entidade pasou a chamarse Federación de Razas Autóctonas de Galicia. En 2022, incorporouse a Asociación de Criadores de Cabra Galega.
En 2001, traballaban cos plans de conservación das razas pouco máis de 160 gandeiros. Na actualidade, son máis de 700 entre as oito entidades. Hai 25 anos, o censo de vacas adultas superaba por pouco as 800. A día de hoxe, a cifra sitúase en preto de 10.000 exemplares. Se se suman todas as especies, o número achégase ás 20.000 cabezas de animais autóctonos.
Fotos cedidas.