EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

A Federación Nacional da Pizarra e a Fundación Santa Bárbara unen forzas para impulsar o sector da lousa

Veñen de asinar un acordo que permitirá desenvolver programas formativos adaptados ás necesidades das empresas e facilitar prácticas para o alumnado

 

A Federación Nacional da Pizarra e a Fundación Santa Bárbara, adscrita á Junta de Castela e León, veñen de asinar neste 12 de xuño en León un protocolo de colaboración, “co obxectivo de impulsar a formación profesional, a investigación e a innovación no sector louseiro”. O acordo, segundo explican as partes, “permitirá desenvolver programas formativos adaptados ás necesidades das empresas, facilitar prácticas para o alumnado, promover accións de prevención de riscos laborais e colaborar en proxectos de I+D relacionados coa minería, a industria e as novas tecnologías aplicadas á lousa”.

Por parte da Fundación Santa Bárbara, o protocolo foi asinado polo seu director xeneral, Manuel Álvarez Pastor, mentres que en representación da Federación Nacional da Pizarra fíxoo o seu presidente, Eliseo López Alonso. “Este acordo”, aseguraba, “representa unha excelente noticia para o sector da lousa e para as comarcas de Valdeorras e O Bierzo. Permítenos reforzar a formación, así como atraer novo talento e avanzar en proxectos de innovación”.

Pola súa banda, Manuel Álvarez, director xeneral da Fundación Santa Bárbara apunta que “este protocolo permítenos poñer a disposición do sector un coñecemento acumulado durante más de tres décadas, unha formación adaptada ás necesidades reais e capacidade para desenvolver investigación aplicada. Non é un acordo simbólico, é unha folla de ruta para que o sector poida dispoñer dos profesionais que necesita nos proĺximos añvos”. Cunha vixencia inicial de catro anos, este marco de colaboración busca contribuír á competitividade e modernización do sector estratéxico da lousa, engade.

Liñas de colaboración

Cunha vixencia inicial de catro anos, este marco de colaboración contempla diversas liñas de actuación “orientadas a fortalecer a cualificación profesional e a competitividade do sector louseiro”. Entre elas destaca o” desenvolvemento conxunto de programas formativos adaptados ás necesidades reais de persoal das empresas integradas na Federación Nacional da Pizarra, co obxectivo de facilitar a incorporación de profesionais cualificados e dar resposta aos retos de remuda xeracional e de especialización técnica que afronta a actividade”.

Así mesmo, a Fundación Santa Bárbara difundirá entre as empresas do sector a súa oferta formativa anual vinculada á minería, á industria e ás actividades extractivas, favorecendo o acceso dos traballadores e futuros profesionais a accións de formación especializada. O acordo también impulsará a Formación Profesional como vía estratégica para a incorporación de talento cualificado, aliñando a capacitación dos alumnos coas necesidades presentes e futuras das empresas.

Outro dos eixos prioritarios do protocolo, será a mellora da seguridade e saúde laboral. Para iso promoveranse accións específicas de prevención de riscos laborais mediante o deseño, desenvolvemento e impartición de programas formativos orientados a reducir a sinistralidade e fomentar unha cultura preventiva nos centros de traballo.

Ademais, o acordo facilitará a realización de prácticas non laborais por parte do alumnado da Fundación Santa Bárbara en empresas pertencentes á Federación Nacional da Pizarra. Estas estadías formativas permitirán completar os módulos prácticos incluídos en certificados profesionais e outras accións formativas vinculadas a estándares de competencias profesionais, favorecendo o contacto directo coa realidade produtiva do sector e mellorando as oportunidades de inserción laboral.

 

 

Proxectos conxuntos de investigación

O protocolo tamén establece un marco de cooperación para o desenvolvemento de proxectos conxuntos de investigación, innovación e desenvolvemento tecnológico (I+D+i) en ámbitos como a minería, os procesos industriais, a seguridade laboral ou as aplicacións energéticas. Esta colaboración permitirá promover iniciativas orientadas á modernización do sector, a mellora da eficiencia produtiva, a incorporación de novas tecnologías e o impulso de solucións innovadoras que contribúan a reforzar a competitividade da industria louseira.

Para alcanzar estes obxectivos, ambas as entidades podrán desenvolver diferentes modalidades de colaboración, entre as que se inclúen o asesoramento mutuo, o intercambio de información e coñecemento técnico, a execución conxunta de proxectos formativos e tecnolóxicos, así como a cooperación en programas de formación práctica e iniciativas de investigación de interese para o conxunto do sector.

Back to top button