EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Feira do Viño de Amandi irmándase coa Festa da Filloa de Muimenta (Cospeito)

 

A Escola de Hostalería de Rosende acollía neste 11 de marzo o acto de irmandamento entre a Feira do Viño de Amandi, de Sober, e a Festa da Filloa de Muimenta.

Ambas as celebracións contan coa distinción de Festas de Interese Turístico de Galicia polo que, con esta proposta pretenden acadar unha maior difusión e repercusión de ambos os eventos, o que se celebra en Sober os días 27, 28 e 29 de marzo, e o que se celebra o 1 de maio en Muimenta (Cospeito).

No acto de irmandamento participaron dúas filloeiras de Muimenta e persoal da Escola de Hostalería de Rosende. Tamén estiveron presentes o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e o presidente da Asociación de Empresarios de Muimenta, José Manuel Rus. Ambos puxeron en valor esta nova liña de colaboración que vai permitir “relanzar estes dous eventos en zonas nas que son menos coñecidos”.

 

 

A particularidade da receita das filloas de Muimenta é que teñen forma cadrada e son salgadas. Hoxe tiveron ocasión de maridar cos viños de Amandi grazas á colaboración das dúas mulleres filloeiras de Muimenta e do alumnado da Escola de Hostalería de Rosende. Prepararon tres propostas: filloa rechea de pera ao viño de Amandi, con mousse de chantillí e brownie de chocolate e en saquiño de filloa con arroz con leite.

O día 1 de maio, dúas bodegas da subzona de Amandi participarán na súa Festa.

 

Back to top button