EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Feira do Viño de Quiroga celebrarase o 24 e 25 de xullo

Así o vén de anunciar a comisión organizadora, da que forman parte representantes do concello, dos viticultores e da Confraría do Viño

 

O 24 e 25 de xullo é a data escollida pola comisión de traballo para celebrar a Feira do Viño de Quiroga. “Todo apunta a que dada a situación sanitaria na que nos atopamos por culpa do coronavirus este ano tampouco poderemos desfrutar desta cita festiva en Semana Santa, data marcada no calendario dende hai anos, por iso marcase unha data alternativa”, tal e como explican dende a organización.

Aínda así, a comisión organizadora (da que forman parte representantes do concello, dos viticultores e da Confraría do Viño) non quere que a data do 3 e 4 de abril (Semana Santa) pase desapercibida polo que está a traballar en actividades alternativas.

“A nova edición que se celebre da feira do viño marcará un antes e un despois neste evento festivo, posto que como xa se decidiu o pasado ano, a partir de agora estará aberta non só a pequenos viticultores se non tamén ás adegas industriais da sub zona Quiroga-Bibei, na que estamos englobados. Por primeira vez xuntaranse na Feira do Viño de Quiroga, os caldos elaborados de maneira tradicional cos elaborados de forma industrial”, adianta a organización.

Precisamente por iso, na edición deste ano pretende ser unha homenaxe a todos os adegueiros artesanais que pasaron por esta feira nestas 39 edicións. A publicación dunha revista conmemorativa e unha exposición coas botellas que acudiron a estes certames serán algunhas das actividades que se levarán a cabo durante a Semana Santa.

 

Artigos relacionados

Back to top button