
A Fundación Cupa Group e o Centro de Desenvolvemento Rural Afa Bierzo veñen de presentar o proxecto ‘Puentes de Vida: Conexión Interxeracional e Benestar Comunitario’, que busca “mellorar a calidade de vida das persoas maiores e fomentar a integración social interxeracional no municipio berciano de Puente de Domingo Flórez”, segundo informan estas entidades. Esta iniciativa enmárcase no convenio de cooperación asinado por ambas as entidades o pasado 15 de maio para promover o desenvolvemento integral das zonas rurais do Bierzo.
A acción impulsada pola Fundación Cupa Group e a asociación para o desenvolvemento rural facilitará a posta en marcha de actividades terapéuticas, culturais, tecnolóxicas, ambientais e comunitarias que manteñan activas ás persoas maiores, mellorando a súa saúde física e mental. Así mesmo, o proxecto promoverá a participación dos empregados de Cupa Group en accións comunitarias mediante o voluntariado corporativo.
Diego Freire Coloma, director da Fundación Cupa Group, sinalou, durante a presentación do proxecto, que “o envellecemento da poboación e as enfermidades neurodegenerativas con retos crecentes. Con este proxecto buscamos reducir a fenda dixital e organizar actividades que promovan o benestar social e cognitivo das maiores no medio rural”.
Acción comunitaria para resolver problemas locais
O primeiro dos catro eixos de intervención nos que se divide o proxecto ‘Puentes de Vida’ busca promover o envellecemento activo, tanto físico como mental, das persoas maiores, mellorando as súas capacidades cognitivas e o seu benestar emocional. Para iso, exporanse sesións semanais de 90 minutos de estimulación cognitiva, deseñadas por terapeutas especializados, nos municipios de San Pedro de Trones e Puente de Domingo Flórez.

A segunda das actuacións vai encamiñada a reducir a fenda dixital entre xeracións, poñendo en marcha un centro con 15 computadores, onde as persoas maiores recibirán formación dixital básica acompañados polos alumnos do IESO Puente Domingo Flórez.
A terceira das liñas de acción pretende involucrar aos empregados de Cupa Group en accións comunitarias, xerando un impacto positivo na contorna física e social do municipio. Para iso, organizaranse hacenderas; xornadas de voluntariado nas que os traballadores da empresa colaborarán para resolver problemas locais de forma colectiva, tanto se afectan a un veciño en particular como á comunidade no seu conxunto.
O último dos eixos de actuación ten por obxectivo establecer unha rede de atención comunitaria para detectar de forma precoz casos de demencia, Alzheimer e situacións de vulnerabilidade sociosanitaria nas persoas maiores de Puente de Domingo Flórez. Para iso, ofrecerase formación ao persoal de Cupa Group para para identificar posibles factores de risco como a falta de apoio familiar, condicións de vivenda insalubres, illamento social ou dificultades para acceder a servizos básicos de saúde.
Coa participación no proxecto ‘Puentes de Vida’, a Fundación Cupa Group “reforza o seu compromiso coa mellora da calidade de vida dos habitantes das poboacións rurais e especialmente desfavorecidas. Do mesmo xeito, a entidade social busca fortalecer o tecido social e fomentar o compromiso coa comunidade dos seus traballadores”, segundo indica a entidade.
Desenvolvemento tecnolóxico do rural
O pasado 15 de maio, a Fundación Cupa Group asinou un convenio marco de colaboración co Centro de Desenvolvemento Rural Afa Bierzo, pertencente á rede nacional Coceder, co obxectivo de desenvolver actividades de interese xeral e social no medio rural do Bierzo. Este acordo está estreitamente ligado á misión da fundación de promover o desenvolvemento económico, tecnolóxico e social en zonas rurais e poboacións especialmente desfavorecidas.
A primeira das accións do convenio consistiu na doazón por parte da Fundación Cupa Group dunha vintena de equipos informáticos ao Centro de Desenvolvemento Rural Afa Bierzo no marco do programa ‘Conecta Rural: loita contra a fenda dixital nos pequenos municipios’. O obxectivo era a creación dunha aula de formación no municipio berciano de Puente de Domingo Flórez. Esta iniciativa facilitou o acceso dos usuarios a equipos informáticos, axudando a cubrir as súas necesidades básicas e a reducir a fenda dixital no medio rural.
Fotos cedidas.