EconomíaEconomíaÚltima hora

A gala das empresas ourensás, organizada pola CEO, en imaxes

 

Recoñecementos ao sector empresarial da provincia neste 11 de decembro na Gala das Empresas Ourensás 2024, promovida pola Confederación Empresarial de Ourense (CEO). Bandepellet recibiu o premio Empresa Sostible, a Calzados Marfil outorgóuselle o premio Comercio, a valdeorresa Cova da Xabreira foi recoñecida como Empresa Innovadora, a Cooperativa Santa Mariña de Loureiro co premio Responsabilidade Social Empresarial, Gómez y Crespo como Empresa familiar e Redegal co premio José Manuel Pérez Canal á Exportación. O acto reunía a numerosas persoas e autoridades este mediodía na Carballeira de Santa Cruz de Arrabaldo.

 

 

O presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, que pechaba o acto, reivindicou a Galicia como unha terra chea de oportunidades para que empresas e individuos sigan prosperando. Durante a súa intervención destacou o labor da CEO e da súa presidenta, Marisol Novoa, durante os seus case 50 anos de actividade.

Ademais, Rueda recoñeceu o traballo das empresas premiadas e expuxo algunhas das políticas nas que o Goberno galego traballa para acompañar ás empresas, especialmente ás pequenas e aos autónomos, para “axudar nos momentos nos que é necesario”. Así, o presidente da Xunta lembrou a eliminación das trabas burocráticas, a creación da Oficina Económica de Galicia “para escoitar e guiar” e así reforzar a dinamización da economía galega, o esforzo por adaptar a oferta formativa, o traballo para o retorno de galegos e galegas no exterior, ou a reedición do Bono Comercio.

 

 

O titular do Executivo galego tamén aproveitou a súa intervención para apuntar a algúns dos desafíos aos que se enfronta o tecido empresarial galego, como son o absentismo e as vacantes, así como para solicitar o apoio do sector empresarial para atraer proxectos tractores para a economía galega e seguir sendo unha terra acolledora e de oportunidades. 

 

 

No acto tamén interviñan a presidenta da CEO e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, entre outras autoridades.

Fotos: O SIL.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button