A Garda Civil vén de esclarecer un delito de estafa de venda dun vehículo por internet. Así o pasado 15 de outubro un veciño de Trives presentaba na Garda Civil desta localidade unha denuncia na que relata ter sido vítima dunha estafa vinculada á adquisición dun artigo por internet, ao tentar adquirir un remolque tras localizar un anuncio en liña en setembro de 2024, despois dunha procura en Google.
Segundo a manifestación do denunciante, tal e como indica a Garda Civil, a plataforma ofrecía remolques a prezos altamente competitivos polo que estableceu contacto co suposto provedor mediante un número de teléfono móbil e o correo electrónico dispoñible na páxina.
Tras varios intercambios de comunicación, esta persoa foi “persuadida para efectuar unha transferencia bancaria por un monto total de 1.562,35 euros a unha conta bancaria, en concepto de adquisición do produto, confiando na aparente lexitimidade do sitio web e na comunicación mantida, completándose o mesmo o día 2 de outubro, sen sospeitar da natureza fraudulenta da operación. Posteriormente, ao non recibir o ben nin obter resposta do vendedor a pesar de reiterados intentos de contacto, o denunciante verificou a inoperatividade do sitio web, feito que motivou a interposición da denuncia”, tal e como informa a Garda Civil.
Das xestións practicadas logrouse determinar que o teléfono móbil de contacto que figuraba na páxina web era un teléfono móbil de prepago a nome dun individuo de Costa do Marfil, identidade supostamente falsa. Logrouse identificar ao titular da páxina web con dominio “.es” que foi rexistrada por un usuario español, aínda que o pago do dominio foi realizado a través dunha pasarela de pago con sede en Lituania.
A transferencia bancaria do diñeiro estafado foi a parar a unha conta dunha cidadá española con domicilio en Barcelona. A análise detallada dos movementos confirmou a recepción de fondos procedentes do fraudedenunciado, así como a posterior dispersión destes mediante diversas transaccións, dificultando a súa rastrexabilidade, mesmo a contas estranxeiras e a plataformas de criptomonedas.
Coa investigación practicada polo Equipo @ da Comandancia da Garda Civil de Ourense, púidose identificar a estes dous individuos como presuntos autores dun delito de estafa, un deles por ter creado e xestionado a infraestrutura necesaria para levar a cabo a comisión do ilícito (creación páxina web) e ao outro por ter participado activamente na recepción e xestión dos fondos transferidos polo prexudicado (conta bancaria), respectivamente.