A Rúa conta xa cunha nova cita lúdico-deportiva. Na mañá deste domingo 11 de outubro, logo de ser adiada no mes de xullo por unha das ondas de calor que afectaban neste verán á comarca de Valdeorras, celebrábase con éxito a I edición da Andaina “Os Pichís” que reunía a preto dun cento de persoas na praza César Conti, na Rúa Vella.


Ese era o punto de partida da iniciativa, promovida pola Asociación Sociocultural Sabugueiro coa colaboración, entre outros, da delegación valdeorresa da Federación Galega de Atletismo, que levaba aos andarines polos montes da Rúa con dúas opcións, unha andaina longa duns 20 km e unha mini de 5, sendo a longa a que contaba con máis participación.


A proba conta tamén coa colaboración do Concello e de Protección Civil, con voluntarios das agrupacións da Rúa, Petín, Larouco, Manzaneda e A Pobra de Trives; e con varios avituallamentos durante a andaina. Ademais ao final haberá unha pinchada e un sorteo de varios agasallos entre os participantes, empregando como referencia o número de dorsal asignado.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.