San Xoán de Río acolle neste domingo 20 de outubro unha feira de outono moi especial: a I Feira da Economía Social. Trátase dunha iniciativa que aposta por promover a innovación, a economía social e a tradición tendo como marco esta vila rural de montaña. O seu acto inaugural tiña lugar esta mañá coa presenza do delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, co alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, entre outras autoridades como alcaldes da zona.
O programa inclúe exposición e venda de produtos locais con Arraigo á Terra, Piel Natura cosmética natural, Sabor da Serra ou Terras de Boborás con produtos derivados da mel, os viños da Ribeira Sacra Peza do Rei, ou a exposición especial de Porco Silleiro, entre outros produtos.

Outro dos apartados é o do asesoramento en vivo con As iniciativas Sostibles Ourense, a Asociación de profesionais e autónomos/as da Provincia de Ourense (AEPA), a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) a través do seu proxecto Conecta Rural e a recentemente creada ABEIRO, oficina de transición enerxética en San Xoán de Río. Ao longo desta xornada ofertarán asesoramento gratuíto a todas as persoas visitantes que teñan unha idea ou precisen consolidar as súas iniciativas, a través dos innovadores proxectos que están a desenvolver.

“A I Feira da Economía Social de San Xoán de Río xurde porque ganamos unha subvención conxunta que solicitamos o Concello de Río e o de Boborás da Rede Eu Sumo, de apoio a cooperativas e demais. Este ano a feira facémola en Río, e o ano que vén será en Boborás”, explica o alcalde de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, quen destaba a boa acollida da iniciativa, “a verdade é que está sendo un gran éxito. Tiñamos doce postos que estaban completos e tivemos que habilitar algún máis cunhas mesas porque veu máis xente participante”.
O rexedor explicaba que non se trata dunha feira ao uso. “É unha feira distinta, un encontro profesional para ofrecer unha rede de contactos entre os participantes de cara a poder obter máis beneficios ou poder avanzar nos seus proxectos. Está participando nela dende a CEO á Asociación de Autónomos de Galicia, hai rehabilitadores de vivendas, produtores e transformadores de mel, viño do CRDO Ribeira Sacra, múltiples produtos… Tamén de economía social hai bastantes proxectos”.

Pérez Blecua asegura ademais que “estamos contentos coa mostra, a afluencia de público está sendo bastante mellor do que esperabamos e tamén temos actividades musicais para que a xente desfrute como un concerto de The Teta ́s Van, neste mediodía, e uns inchables para que os pais poidan estar atendendo os postos e os nenos desfrutando”.

Esta ademais previsto un xantar moi especial que permitirá, dende a mesa, descubrir outro proxecto singular. “Contamos hoxe aquí cun dos produtores leva o tema do porco silleiro nunha aldea modelo e vai presentar o seu proxecto que é un porco que funciona como desbrozadora, e despois ao mesmo tempo ímolo degustar”, conclúe o alcalde de Río.

Ás 16:00h, e grazas á colaboración da cooperativa Apoio, porase a proba a estratexia e coñecemento do mundo rural cunha divertida partida de Monopoly cun toque especial.
Fotos: O SIL.