DeportesÚltima hora

A I Revolta Irmandiña contará cunha aventura para a cativada: “Irmandades Miúdas”

 

Verín e Monterrei prepáranse para vivir a primeira edición da Revolta Irmandiña, unha carreira de obstáculos que non só desafiará a valentía dos adultos, senón que tamén ofrecerá unha experiencia inmersiva para os máis pequenos da casa. Baixo o nome das Irmandades Miúdas, esta división infantil e xuvenil permitirá que cativos e mozos de entre 6 e 16 anos se convertan en verdadeiros Irmandiños, superando probas e obstáculos nunha aventura que os mergullará nas paraxes da comarca.

A iniciativa, organizada polo colectivo KTORCE, nace coa vontade de ofrecer unha alternativa deportiva e cultural para a mocidade, combinando diversión, desafío e un forte vínculo co territorio. “Queremos que a infancia e a xuventude tamén formen parte desta Revolta, que sintan que este evento é para todos e todas, independentemente da idade”, destacan desde a organización.

Irmandades Miúdas estrutúrase en dúas modalidades, adaptadas ás diferentes franxas de idade para garantir que todos os participantes poidan desfrutar da experiencia ao máximo:

  • De 6 a 11 anos: Un circuíto pechado e seguro dentro da Preguiza, con dez obstáculos deseñados para poñer a proba a súa axilidade e destreza. Entre os desafíos atoparán saltos de alpacas, redes de arrastre, equilibrios, arrastre de rodas ou o volteo de neumáticos. A participación será de balde, con quendas flexibles que permitirán a máxima diversión en pequenos grupos.
  • De 12 a 16 anos: Para os máis aventureiros, deseñouse un percorrido de 3 quilómetros que sairá da Preguiza, seguirá polo camiño do río ata a Pousa e regresará ao punto de saída. Con 15 obstáculos, esta modalidade achegará aos mozos e mozas unha experiencia de superación e adrenalina. O prezo será de 16 euros e inclúe camiseta conmemorativa e medalla. As inscricións -limitadas- están xa dispoñibles a través de arevoltairmandinha.ccnorte.com

Unha carreira con impacto na comunidade

Este proxecto nace coa vontade de potenciar o territorio de Monterrei, promovendo os seus recursos naturais e patrimoniais, ao tempo que dinamiza a economía local. Ademais, a organización aposta pola sostibilidade e a inclusión, fomentando a participación de todo tipo de persoas e garantindo un impacto positivo na contorna. A iniciativa supón unha oportunidade para xerar emprego e para poñer en valor unha das comarcas máis ricas en patrimonio e natureza de Galicia.

Máis información e inscricións

As inscricións xa están abertas e pódense realizar a través das canles oficiais da Revolta Irmandiña. Para máis información sobre o evento, percorridos e actividades complementarias, podedes seguir as redes sociais @acarreirairmandinha ou visitar a súa páxina web. Inscricións abertas en ccnorte.com

 

Artigos relacionados

Back to top button