ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A influencia dos encoros na evolución do oriente ourensán en “La fuerza de nuestros ríos”

O seu autor, José María Pérez López, presentaba esta obra na súa vila da que é oriundo, Trives, o 23 de marzo

A evolución de Valdeorras, Viana do Bolo e Terras de Trives está marcada dende mediados do pasado século XX pola construción dos encoros. Saltos como os de Prada, San Agustín, San Sebastián, Porto e Moncabril construíanse entre finais dos corente a primeiros dos 60. En cambio, centrais como as da comarca de Trives ou as de Vilariño de Conso, pertencentes antigamente a Saltos del Sil, son bastante posteriores.

Poñendo en relación unhas e outras e contrastando os diferentes momentos, técnicas e contexto histórico no que se crearon e puxeron en marcha comezaba José María Pérez López o acto de presentación do seu libro “La fuerza de nuestros ríos. Una historia de Viana, Porto, A Veiga y la energía hidroeléctrica” (Andavira Editora, 2018) na tarde do 23 de marzo no auditorio da vila da que é orixinario, Trives.

“Entre as que foron construídas ao principio e as últimas, como é o caso das Portas e do Cenzo, hai diferenzas en aspectos como o tema das expropiacións, da construción, tecnoloxicamente a técnica xa se mellorou, o proceso de despoboación non se iniciara nos anos 40, sen embargo nestas últimas xa estaba en marcha…”, explica este enxeñeiro trivés e profesor no IES Carlos Casares de Viana.

 

José María Pérez sostendo o seu libro nun dos momentos da presentación./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ademais neste acto Pérez López adiantaba que está preparando un traballo similar ao realizado no seu primeiro libro pero centrado, nesta ocasión, nos saltos de Trives, Manzaneda, Vilariño de Conso e Chandrexa de Queixa.

Esta é a cuarta presentación que fai dende a saída do prelo do seu libro, no verán pasado. A primeira tiña lugar en Viana, despois en Porto (Zamora), en Verín e agora xa súa terra. “La fuerza de nuestros ríos” pode adquirirse en librerías do oriente ourensán.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button