EconomíaEconomíaÚltima hora

A IXP Mel de Galicia potencia a súa promoción nacional e internacional no 38 Salón de Gourmets en Madrid

 

O Consello Regulador da IXP Mel de Galicia aposta, no marco do seu plan estratéxico de promoción, por potenciar a comercialización nacional e internacional. E nesa liña figura a súa participación no no 38 Salón de Gourmets en Madrid, que tiña lugar entre os días 7 e 10 de abril en Ifema.

Así, dentro da mostra celebrábase a segunda edición do Túnel do Mel de Galicia, logo do éxito da anterior edición. Os asistentes, guiados por María Ester Ordóñez Dios, presidenta da IXP, tiveron a oportunidade de coñecer a calidade e a diversificación do Mel de Galicia ao degustar 32 referencias dos distintos tipos de meles: multiflorais; monoflorais de eucalipto, breixo, castiñeiro, silva; e o mel de melada ou de bosque. Eran un total de 22 marcas comerciais pertencentes a envasadoras acollidas a este selo de orixe e calidade, entre as que se atopaban os meles premiados nas Catas de Galicia 2024. “Esta é unha forma de valorizar tanto as marcas comerciais coma os diferentes tipos de meles adscritos á IXP Mel de Galicia”, indican dende o consello regulador desta IXP.

 

 

Ademais, tiña lugar o cuarto Campionato de España de Pizzas Gourmet by DO Ribeira Sacra. Nela o Mel de Galicia que tivo un protagonismo especial, ao ser un ingrediente que puntuou en todas as categorías presentadas, e no que se premiou tamén á mellor pizza de España con Mel de Galicia I.X.P.. Os participantes tiveron a oportunidade de amosar a versatilidade deste produto na cociña. Ademais tivo lugar a Master Class “Mel de Galicia: Un viaxe a través de sabores e tradicións”.

Por outra banda, “Mel de Galicia” estivo presente no stand de Alimentos de España no Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en Gourmets. Ester Ordóñez Dios, presidenta do consello regulador, foi a encargada de presentar a peza audiovisual “Un modo de vida”, dirixida por Óliver Laxe, co obxetivo de homenaxear un oficio tradicional como é a apicultura galega, realizada de maneira artesanal. Posteriormente Beatriz Ríos Cebreiros, responsable do panel de cata de Mel de Galicia, ofrecía unha cata comentada, onde os asistentes puideron descubrir as peculiaridades, sabores, texturas dos distintos tipos de meles.

 

 

Mel de Galicia en datos: o ascenso da comercialización de mel certificada

Con estas iniciativas, o sector aposta por dar un valor engadido ás súas producións, algo que se reflicte no aumento dun 80% do mel comercializado coa contraetiqueta neste primeiro trimestre con respecto ao mesmo periodo de 2024.

Son, segundo o seu consello regulador, “unhas cifras esperanzadoras despois de anos de descenso na comercialización, ainda que dende o consello regulador declaran que hai que ser cautos dependendo da colleita deste ano 2025 que depende de factores climatolóxicos ou da presenza de Vespa velutina“.

Fotos: IXP Mel de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button