Entre os asuntos que resultaban aprobados na sesión plenaria celebrada pola Corporación barquense na tarde deste 7 de novembro figuraban unha moción presentada polo BNG relativa á reivindicación do día 25 de novembro e “á necesidade de impulsar compromiso económicos e orzamentarios para garantir a atención á violencia machista”, que era defendida por Noa Fernández. A iniciativa resultaba aprobada cos votos a favor do BNG e do PSdeG-PSOE, mentres que o PP abstíñase.
O acordo aprobado recollía “aprobar e dotar orzamentariamente un plan de reforzo dos recursos e persoal necesario para poder prestar a atención precisa á saúde mental na sanidade pública e dar cumprimento ao mandato de prestar a atención asistencia psicolóxica para vítimas de violencia como un servizo de atención primaria, en coordinación coa atención especializada nas áreas sanitarias. Este plan contará cunha partida singularizada e orzada nos próximos orzamentos do goberno galego e incluirá, en colaboración co Colexio de Psicoloxía de Galiza, unha proposta de ampliación dos programas xa existentes”. Ademais, implicaba “impulsar un novo mapa orzamentario, incrementando a súa contribución para os Centro de Información á Muller co obxectivo de reforzar e ampliar a rede galega de CIM” e o terceiro “rectificar a úa decisión de privatizar os futuros centros de crise 24 horas para a atención de mulleres vítimas de violencia sexual e garantir a presentación deste sevizo desde o sistema público de saúde”.
Por outra banda, tamén saía adiante, desta volta por unanimidade, unha moción do PP sobre a adecuación de parques infantís no entorno rural, que presentaba ante a Corporación a edil popular Maite Estévez. O acordo aprobado supón “a ampliación do parque infantil da Proba de acordo ás necesidades do lugar. A creación de parques infantís nas zonas rurais onde non contan con eles. A revisión en profundidade e mellora inmediata de todos os parques infantís sitos no rural e o centro urbano que presenten deterioración”.
Tamén por unanimidade dábase luz verde a un ditame da Comisión de Contas sobre recoñecemento extraxudicial de crédito relativo á aprobación dunha relación de xustificantes de gasto deste ano 2024 por importe de 1.076,11 euros.
Así mesmo, aprobábase, pero unicamente cos votos socialistas, a proposta de addenda e modificación do convenio coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a realización sobre o financiamento, execución e entrega das obras de construcións de carreiro e zona de esparexemento na marxe esquerda do río Sil, no Salgueiral. A oposición, tanto BNG como PP, abstíñanse e pedíanlle ao alcalde que falase cos veciños de Viloira antes de seguir adiante co proxecto.
Fotos: O SIL.