O recoñecemento ao esforzo e traballo na loita contra os desvastadores incendios que sufría a provincia no pasado agosto marcaba neste 6 de decembro o acto de conmemoración do 47º aniversario da Constitución Española, organizado pola Subdelegación do Goberno en Ourense, baixo o impulso do Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade. A cerimonia, celebrada no Auditorio de Ourense e na que tamén se entregaban os premios do 41º Concurso da Constitución, iniciábase coa actuación da Banda de Guerra da Brigada Galicia VII da BRILAT, dirixida por Ángel Luis Piquer, como homenaxe e agradecemento ao traballo que prestou esta unidade do Exército de Terra durante a vaga de lumes do verán.
Despois proxectábase un vídeo no que se resumían en imaxes as numerosas e diversas actividades desenvolvidas dende a Subdelegación do Goberno en Ourense ao longo deste ano 2025. A partir de aí, Silvia Álvarez, secretaria do 41º Concurso da Constitución procedía a ler a acta dos galardoados no certame, rodeada das diferentes autoridades presentes, entre elas, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez; o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; a deputada Margarita Martín, e a senadora Carmen Leyte.
E así comezaba a entrega de 20 distincións deste Concurso da Constitución Española que organiza a Subdelegación do Goberno en Ourense, que recaeron alumnos e alumnas da provincia polos seus debuxos, fotografías e vídeos, centrados no artigo 45.2 da Carta Magna: “Os poderes públicos mirarán pola utilización racional de todos os recursos naturais, co fin de protexer e mellorar a calidade de vida e defender e restaurar o medio ambiente, coa axuda da indispensable solidariedade colectiva”. Nesta edición recibíanse máis de 1.300 traballos.

Concedéronse 10 premios na categoría de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial, que recibiron un agasallo e un exemplar da Constitución Española; e 10 na categoría de Ensino Secundario Obrigatorio, Bacharelato, Ciclos Medios de Formación Profesional e a Universidade. Estes alumnos resultaron premiados cun bono cultural e tecnolóxico.
Por outra banda cinco das seis mencións especiais deste 47º aniversario da Constitución, tal e como sinalaba o secretario da Subdelegación do Goberno en Ourense, Manuel Arias, eran outorgadas polos labores realizados durante os devastadores incendios do pasado verán, en concreto, para o Quinto Batallón de Intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME), que recollía Daniel Salsón Cabezas, capitán da UME; a BRIF de Laza, galardón que recibía Rubén O. Arrojo, capitán de bombeiros forestais do Brif de Laza; a Asociación de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia de Ourense, que se lle entregaba ao presidente da entidade, Clemente Pérez; A Comandancia da Garda Civil de Ourense, que recibía Rafael Berguillo, tenente coronel xefe desta comandancia; e o Xornal O Sil, que recollía o seu director Carlos G. Hervella. Ademais, entregouse un recoñecemento á asociación Aixiña, polo seu labor en prol da inclusión cultural e social das persoas con diversidade funcional, que era recollida pola súa vicepresidenta.

Ao remate das entregas, tomaba a palabra o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, quen comezaba dirixíndose ao profesorado, alumnado e familias para expresarlles o seu agradecemento, ademais de felicitar aos galardonados e “ás persoas a entidades que recibiron as mencións específicas polo seu traballo, mencións ben merecidas. Grazas tamén á Banda da Brilat por amenizar este acto, sempre é un gusto contar coa vosa profesionalidade e foi imprescindible o traballo loxístico e de coordinación que prestástedes o verán pasado durante a vaga de lumes. Quero facer extensivo este agradecemento non só a Brilat, senón tamén á Bripac, artilleiros, zapadores, enxeñeiros, á UME… ese exército español que estivo presente durante eses momentos críticos e quero trasladarlle o meu agradecemento ao coronel Peña, subdelegado de Defensa, aquí presente”.

A partir de aí, Santos poñía o foco na celebración neste 6 de decembro do Día da Constitución, unha data que “nos convida a mirar cara atrás con agradecemento e cara adiante con responsabilidade, pero este non é un ano calquera, senón que se encadra na celebración dos 50 anos de España en liberdade, medio século no que comezamos a construír outra España”. E referíase á Constitución como “ese gran pacto que acordamos para convivir en liberdade, en igualdade e en respecto mutuo. A Constitución española é un contrato que establece que as institucións públicas estamos obrigadas a garantir os dereitos, o benestar e as oportundiades de todos os cidadáns”.

Ademais Santos destacou que a Carta Magna “é unha peza esencial da nosa democracia. Esa democracia que se conquistou con moitas dificultades e que, lamentablemente, aínda hoxe non podemos dar por garantida. Esixe compromiso, responsabilidade e esforzo de todos os representantes públicos e de toda a sociedade”.

Así mesmo, o subdelegado advertía que na actualidade “vivimos tempos complexos, nos que proliferan discursos de odio, mensaxes que sementan división, que alimentan o enfrontamento, que cuestionan principios básicos da convivencia e que mesmo queren reescribir a historia. Son pinceladas que lonxe de achegarnos a unha sociedade máis libre e máis xusta, pretenden fraguar un clima de ruptura que o pinte todo de negro. Fronte a isto, a Constitución preséntase como un faro, como un recordatorio de que a nosa forza reside na unidade, na diversidade, e no respecto”.

Tamén se refería ao artigo 45.2, temática do concurso escolar da Constitución neste ano, que establece que os poderes públicos mirarán pola utilización racional “dos nosos recursos naturais coa finalidade de mellorar a nosa calidade de vida e defender o noso patrimonio natural e restaurar o noso medio ambiente, apoiándse na solidariedade colectiva. Da importancia do noso medio ambiente somos ben consicentes os ourensáns que vivimos un inferno no pasado verán, desa obriga de protexelo e da solidariedade colectiva saben ben as persoas que son recoñecidas co mención neste acto, demostraron un profundo coñecemento, e tamén os estudantes que participan neste concurso. Fundamental que ninguén esqueza este artigo, que todos os poderes o apliquen para que non volva a pasar”.
A gala concluía coa interpretación dos himnos galego e español por parte da Banda da Brilat.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver/ Carlos G. Hervella.

Dous estudantes barquenses premiados no 41º Concurso da Constitución da Subdelegación de Ourense