
O vindeiro sábado 24 de maio, entre as 10:00 e as 14:00 horas, o Auditorio Julio Álvarez da Pobra de Trives converterase no punto de encontro da mocidade rural galega na xornada participativa “Xóvenes vs Rural”. Esta actividade enmárcase no proxecto europeo Connecting Rural Europe: Networking and Development in Small Towns – Rural, cofinanciado pola Unión Europea a través do programa CERV, e ten como principal obxectivo escoitar aos mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, identificar as súas necesidades e propostas, e facer chegar estas conclusións á Comisión Europea.
A sesión arrancará cunha apertura institucional a cargo da alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez; o alcalde de San Xoán de Río, José Miguel Pérez; e María Álvarez, en representación do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO). Ao longo da mañá desenvolveranse intervencións de organizacións xuvenís como Galiza Nova, Xuventudes Socialistas e Novas Xeracións, así como charlas inspiradoras e dinámicas participativas en formato World Café. Nestes espazos de diálogo, os participantes traballarán por grupos sobre cuestións clave como o emprego, a educación, o transporte, a cultura, a sanidade ou a integración social, entre outros temas que afectan directamente á vida no rural.

A xornada está aberta á participación de mozos e mozas das zonas rurais, e ofrece unha oportunidade única para que sexan protagonistas no deseño de políticas públicas que teñan en conta a súa realidade e aspiracións. O evento enmárcase nun proxecto europeo no que participan catro entidades socias: Maghweb, en representación do Comune di Palazzo Adriano (Italia); LAG Vallis Colapis (Croacia); Harghita Council (Romanía); e o Concello de San Xoán de Río (Galicia, España).
As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 22 de maio no número de teléfono 643 556 827. Trátase dunha iniciativa que pon o foco na mocidade rural como axente de cambio e impulsora dun futuro con oportunidades reais nos seus territorios.