CulturaCulturaÚltima hora

A mostra “Entroido. Mobiliario vestido. Escultura” de Piquico recala en León

Un total de 30 obras escultóricas poderán verse ata o 28 de bril no Museo de Los Pueblos Leoneses de Mansilla de las Mulas

 

O proxecto “Entroido, mobiliario vestido. Escultura” do artista vianés Piquico segue moi vivo. Vén de incorporar novas esculturas coa temática do Antruejo leonés e a mostra, cun total de 30 esculturas, poderá verse a partir do 28 de febreiro no Museo de los Pueblos Leoneses en Mansilla de las Mulas (León). Súmanse así as pezas vinculadas dos Carnavais do País Vasco e Portugal.

Tamén se exporán varios cadros, bosquexos e un poema en imaxes dedicado á súa obra pictórica realizada pola poeta Manuela Vicente Fernández, tamén de Viana. A inauguración da mostra está prevista para o 28 de febreiro ás 12:00 e poderase ver ata o 28 de abril de martes a domingo e festivos de 10:00 a 17:00.

 

 

“O entroido móstranos deseños no aire, o espazo e os límites son, non podería ser doutra forma, a medida do home, do seu corpo, a escala humana e o horizonte xorde a partir do noso propio corpo. A pel marca a fronteira, os límites, aqueles que nos veñen dados: as pernas, os brazos, as mans, as propias ferramentas e utensilios nos que as nosas mans prolónganse. O debuxo e o colorido das figuras responden menos as aparencias do real que ao seu ritmo profundo e oculto. A frase, podemos aplicala, sen mingua de significado, tamén á arte contemporánea, á estética das últimas vangardas e sen dúbida, á “arte intemporal do cotián”, á enorme riqueza do que, para entendernos, denominamos popular. Saídas de mans campesiñas que embelecían a utilidade cotiá en anos de autosuficiencia e angosturas ou da serena pericia de modestos profesionais, hai pezas que reclaman unha atención raramente concedida”, en palabras de Piquico.

 

 

E engade que, á “parte da laboriosa e detallista construción das pezas en si mesmas hai que sumarlle outros aspectos que complican moito a súa elaboración: – a interpretación de cada un dos personaxes reais do entroido – que teñen que incluír a funcionalidade como mobiliario que son. – que teñen que ser desmontables para o seu traslado ao ser pezas con partes moi delicadas”.

Fotos cedidas por Piquico.

 

 

Back to top button