CulturaCulturaÚltima hora

A mostra “Nós tamén fomos emigrantes”, na Casa da Cultura de Viana do Bolo

O acto inaugural desta exposición, que poderá visitarse ata o 4 de decembro, tiña lugar esta mañá

 

A Casa da Cultura de Viana do Bolo acollía esta mañá a inauguración da exposición “Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX”. O acto contaba coa asistencia de Andrés Montesinos Rodríguez, alcalde do Concello de Viana do Bolo; Mateo Alonso San Román, coordinador institucional de Abanca en Ourense; Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo; e un grupo de estudantes do IES Carlos Casares.

“Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX” poderase visitar ata o vindeiro 4 de decembro, de luns a venres en horario de 16.00 a 20.00 h. A exposición consiste nunha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é o de tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. É a historia de «millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir», en palabras de Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE entre 1996 e 2004.

 

 

Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de Abanca, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

Back to top button