
Un interesante percorrido por antigas celebracións de inverno do nordeste portugués a través das súas máscaras. Dende a Festa da Cabra e do Canhoto (o 31 de outubro en Cidões, Vinhais) ata os Diabos de Bragança, no Mércores de Cinsa. Despois do seu paso por Zamora, Salamanca, Torre de Moncorvo (Portugal), Valladolid, Cáceres e Alfândega da Fé (Portugal), a mostra ‘Ritos e rituais de inverno’ chega agora a Lugo. En concreto a inauguración da mostra está prevista para este xoves 13 de marzo ás 19.00 horas ao centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo, onde poderá visitarse ata o vindeiro 5 de maio en horario de 11h. a 14h. e de 16h. a 20h. de luns a venres, así como de 11h. a 14h. e de 16h. a 19h. os domingos.
A Área de Antropoloxía Social e Cultural da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa AECT Duero-Douro, a Cámara Municipal de Torre de Moncorvo e a Academia da Máscara Ibérica é a encargada de organizar esta exposición que poderá visitarse de balde ata o vindeiro 15 de maio. Baixo o epígrafe Revelar os traballos e a arte das máscaras, participarán no acto de inauguración a profesora Pilar Panero García, directora da Cátedra de Estudios sobre la Tradición da Universidad de Valladolid e mais do proxecto europeo MASKS, e a profesora de Antropoloxía da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC Elena Freire Paz.
A mostra achega unha colección de 83 máscaras tramontanas elaboradas por vinte e seis artesáns distintos. As pezas atópanse asociadas a trinta e catro rituais antigos do Entroido tradicional, procedentes da colección privada que foi conformando Nuno Jorge Rodrigues Gonçalves. As máscaras proceden de freguesías e vilas do Distrito de Bragança, en Portugal, un territorio que conserva un vasto patrimonio cultural cunha orixe arcaica, pero vixente pola gran aceptación social que ten hoxe día. A colección que se expón atesoura valores artísticos, históricos, educativos e antropolóxicos, destacan os seus promotores.
Para que o público poida ter toda a información ao alcance da man elaborouse un catálogo descritivo que se pode descargar de balde nesta ligazón.
IV Encontro Internacional de Rituais Ancestrais
O territorio da AECT Douro-Douro, alberga a considerada a fronteira máis antiga de Europa; conserváronse na raia case que intactas numerosas das tradición dos antergos, que absorberon as máis diversas influencias ao longo dos tempos. Son moitas as festas pagás enraizadas na memoria e a cultura de ambos os lados da fronteira. Para que estas tradicións perduren no tempo, a AECT Douro-Douro desenvolve unha serie de iniciativas que teñen por obxecto difundir a cultura do pobo entre a cidadanía.
Ademais desta exposición itinerante, desde 2019 a AECT Douro-Douro organiza o Encontro Internacional de Rituais Ancestrais, que concentra máis de 60 grupos de mascaradas procedentes de diferentes lugares de España, Portugal, así como de diversos países de Europa. Neste 2025 celebrarase a súa cuarta edición o vindeiro 5 de abril durante toda a xornada en Bemposta (Mogadouro, Portugal).